O TSXG denega o cobro do IPC galego ao persoal de Xustiza

O tribunal explica que ese IPC foi habilitado en 1991 debido á desviación apreciada entre o índice de prezos ao consumo previsto e o rexistrado ese ano

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou a solicitude realizada por unha funcionaria de Xustiza para que a Xunta lle pague o denominado IPC galego. O tribunal explica que ese IPC foi habilitado en 1991 debido á desviación apreciada entre o índice de prezos ao consumo previsto e o rexistrado ese ano. “É, polo tanto, un incremento previsto respecto das retribucións vixentes no ano 1991. Hoxe ese poder adquisitivo aparece consolidado, razón pola que non se actualiza en función do IPC galego cada unha das anualidades”, salientan os maxistrados.

O tribunal, ademais, indica na sentenza que as retribucións do persoal ao servizo da Administración de Xustiza foron incrementadas “conforme aos límites establecidos na normativa básica de cada ano desde que tivo lugar o traspaso á comunidade autónoma”. Por iso, conclúe que, de aplicarse o IPC galego, “se estraría a superar o límite máximo de incremento para o ano 2019 que determina a normativa básica estatal”. Na sentenza tamén recorda que “non existe acordo algún da Xunta no que se estableza a aplicación do IPC galego ao persoal de Xustiza”.