A Comisión Mixta propoñerá ao Ministerio de Xustiza a creación de nove novos órganos xudiciais en Galicia
Ademais dos xulgados, solicitarase a creación de dúas novas prazas de maxistrados/as en seccións penais das audiencias provinciais da Coruña e Pontevedra. O Goberno aínda non comunicou o número de unidades xudiciais que prevé crear na comunidade este ano. Dos órganos que a Sala de Goberno do TSXG considera necesarios, priorizáronse os que teñen máis carga de traballo, unha pendencia máis elevada ou levan anos reforzados
- Autor
- Comunicación Poder Judicial
A Comisión Mixta de Xustiza, presidida por José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior (TSXG), e polo vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, acordou esta mañá solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación de nove unidades xudiciais para Galicia en 2023, petición á que se engadiu a creación de dúas novas prazas de maxistrado/a en seccións penais das audiencias provinciais da Coruña e Pontevedra. De forma consensuada, a Comisión Mixta demandará, por esta orde, ao Goberno, que aínda non comunicou o número de unidades xudiciais que prevé crear na comunidade este ano -se ben nos últimos exercicios autorizou a posta en marcha de tres-, os seguintes novos xulgados e prazas:
- Xulgado de Violencia sobre a Muller en Santiago, con competencia comarcal (Negreira, Ribeira e Padrón).
- Unha praza de maxistrado/a na Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña.
- Unha praza de maxistrado/a na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.
- Xulgado de Primeira Instancia na Coruña.
- Xulgado de Primeira Instancia en Ourense.
- Xulgado do Contencioso-administrativo en Santiago.
- Xulgado do Social en Ferrol.
- Xulgado Mixto en Vilagarcía.
- Xulgado Mixto en Viveiro.
- Xulgado Mixto en Ribeira.
- Xulgado Mixto en Carballo.
Das unidades que a Sala de Goberno do TSXG considera necesarias para a comunidade, priorizáronse as que teñen maior carga de traballo estrutural, é dicir, non motivada por unha situación conxuntural, que pode ser solucionada a través de reforzos temporais, e cuxa pendencia é máis elevada. Tamén se tivo en conta, no caso de órganos colexiados, o feito de que algunhas seccións leven reforzadas desde hai anos ou que só conten con tres maxistrados por sección, o que dificulta o seu normal funcionamento.
En relación coa creación dun xulgado de Violencia sobre a Muller comarcalizado en Santiago, o presidente do TSXG manifestou que “se considera necesario para poñer ao dispor das vítimas todos os medios dos que a Administración dispón”. Ademais, lembrou que a intención é estender este modelo a outras cidades de Galicia onde existen xulgados exclusivos, pero non excluíntes. Isto quere dicir que, ademais de asumir os casos de violencia machista, dirixen a investigación doutros delitos.
A demanda dos xulgados mixtos ordenouse de acordo coa súa carga de traballo, de maior a menor, segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).