O TSXG aplica a doutrina europea e declara a dous interinos indefinidos non fixos

Unha das persoas demandantes prestaba servizos no Centro de Atención a Persoas Maiores de Cerdedo (Pontevedra) desde xaneiro de 2009; e, a outra, exercía de bombeiro forestal desde xullo de 2012

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou dúas sentenzas sobre interinos nas que aplica a doutrina do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) ao recoñecer a dous empregados públicos a súa condición de persoal laboral indefinido non fixo ao superarse o prazo legal de tres anos sen cobertura das prazas que ocupaban. En concreto, unha das persoas demandantes prestaba servizos no Centro de Atención a Persoas Maiores de Cerdedo (Pontevedra) desde xaneiro de 2009; e, a outra, exercía de bombeiro forestal desde xullo de 2012. 

O TSXG salienta nas resolucións que o TJUE, na recente sentenza do 3 de xuño de 2021, lembrou que as consideracións orzamentarias “non poden xustificar a falta de calquera medida preventiva contra a utilización abusiva de sucesivos contratos de traballo de duración determinada”. Os maxistrados do alto tribunal galego destacan nas sentenzas que “a única medida apta, creación da xurisprudencia do Tribunal Supremo, é transformar o vínculo laboral existente de interinidade por vacante a indefinido non fixo”, xa que “non existe no dereito administrativo nin no laboral español medida algunha que permita a eficaz protección dos traballadores interinos dos abusos que se poidan producir”.