Comezan en Vigo as XVII Xornadas de Presidentes dos Tribunais Superiores de Xustiza de España

O presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, destacou que empeza na cidade unha semana “histórica” para a Xustiza, que mañá inaugurará a súa nova sede. As reunións, nas que se abordarán asuntos como a violencia sobre a muller ou abusos a menores, celebraranse ata o próximo 25 de maio no Hotel Hesperia.

Autor
Comunicación Poder Judicial
Comezan en Vigo as XVII Xornadas de Presidentes dos Tribunais Superiores de Xustiza de España

A XVII edición das Xornadas anuais das Presidentas e Presidentes dos Tribunais Superiores de Xustiza de España comezaron hoxe en Vigo, no Hotel Hesperia. O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, destacou durante a inauguración que o inicio destas xornadas, que terminarán o próximo 25 de maio, marca o comezo dunha semana “histórica” para a Xustiza de Vigo, onde mañá se inaugurará a nova sede xudicial da cidade, situada no antigo hospital Xeral. Díaz-Castroverde indicou que Vigo ten que estar “orgullosa” da Cidade da Xustiza, que será inaugurada pola súa Maxestade o Rei, quen estará acompañado polo presidente do Tribunal Supremo e do CXPX, Carlos Lesmes, e as presidentas e presidentes dos tribunais superiores de todo o Estado, o que converterá en “única” a estrea do edificio.

A nova sede xudicial será “un gran avance para a cidade”, segundo sinalou Díaz-Castroverde, e tamén para a xudicatura, porque, segundo o presidente do TSXG, “os xulgados necesitan formas de facerse visibles e formas de mellorar a eficiencia na prestación de servizos”.

O presidente do TSXG recalcou que é “unha honra” que estas xornadas se celebren en Galicia, pois coinciden, ademais de con a inauguración da Cidade da Xustiza, coa celebración do Ano Xacobeo. Ao longo de tres días, os asistentes abordarán asuntos como a violencia sobre a muller ou abusos a menores, así como a xestión da actividade de Presidencia e das Salas de Goberno a través de persoal adscrito a gabinetes técnicos, funcionais ou orgánicos ou as posibilidades de seguimento e firma a través de dispositivos móbiles de xestións gobernativas. Ademais, o mércores, 25 de maio, último día das xornadas, analizarán as leis de eficiencia, actualmente en fase de anteproxecto, as cales afectarán á dixitalización e implicarán unha nova organización dos tribunais de instancia.