Un xulgado de Vigo condena a unha entidade bancaria a devolverlle máis de 2.500 euros a un cliente por autorizar unha operación que superaba o límite da tarxeta

Acolle a demanda do afectado, a pesar de que non probou ser vítima dunha fraude coñecida como ‘phishing’

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Vigo condenou a unha entidade bancaria a pagar a un cliente 2.559 euros por autorizar unha operación coa súa tarxeta por ese importe cando tiña un límite de 2.500 euros. A xuíza considera que o demandante non acreditou ser vítima dunha fraude, coñecida como phishing, ao non achegar “copia do correo electrónico, nin do SMS que dixo que recibira”, pero acolleu igualmente a súa demanda ao entender que a entidade bancaria incumpriu o estipulado no contrato, no cal o límite para as operacións coa tarxeta estaba fixado en 2.500 euros. 

A xuíza explica na sentenza que o actor afirma que o 16 de maio de 2021 recibiu un correo electrónico supostamente enviado pola entidade bancaria, “que aparentemente tiña os mesmos cores e logotipo”, no que lle instaban a actualizar a súa tarxeta. O demandante, segundo asegurou, picou na ligazón e deu os datos da súa tarxeta. Ese mesmo día, recibiu un SMS no que lle informaban de que se realizara unha operación de 2.559 euros. O actor, segundo a resolución “non acreditou os feitos relatados”, pero, con todo, si se probou que o límite da tarxeta estaba establecido en 2.500 euros, polo que a xuíza condenou á entidade bancaria a abonarlle 2.559 euros, máis os intereses legais desde a primeira reclamación extraxudicial, realizada o 13 de xullo de 2021. Contra a resolución non cabe presentar recurso.