O TSXG rexeita anular de forma urxente a orde de peche dos establecementos de hostalería da Coruña

Os xuíces destacan no auto que “non corresponde axuizar agora” se a orde que se impugna incorreu “nas infraccións que a entidade recorrente aducirá no seu escrito de demanda”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou suspender de forma cautelarísima, tal e como solicitaba a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña, a orde de peche dos bares, cafeterías e restaurantes decretada pola Consellería de Sanidade o pasado 26 de xaneiro. O TSXG non aprecia a concorrencia “de ningunha das circunstancias de especial urxencia”, entre elas “o estado extremo de debilidade económica que padece o sector”, alegadas pola asociación e necesarias para dar o visto e prace á medida cautelarísima solicitada.

Por iso, os maxistrados rexeitan revogar a decisión da Xunta de forma urxente, é dicir, sen escoitar as alegacións da Administración autonómica e sen entrar a valorar o fondo do asunto. Polo tanto, ordenou abrir unha peza separada e tramitar o incidente como cautelar ordinaria, o que lle permitirá examinar os argumentos da Xunta antes de pronunciarse sobre a solicitude dos hostaleiros coruñeses de suspender a orde de peche dos locais.

Os xuíces destacan no auto que “non corresponde axuizar agora” se a orde que se impugna incorreu “nas infraccións que a entidade recorrente aducirá no seu escrito de demanda”. Na resolución explican que o prexuízo que alegan os hostaleiros para solicitar a medida cautelarísima é “de índole económica”, polo que entenden que “non resulta ser de difícil ou imposible reparación, como parece corroboralo as axudas que se están ofertando pola Administración”.

A Sala tamén lembra que neste tipo de casos, nos que se solicita a adopción de medidas cautelarísimas, o Tribunal Supremo optou “por non apreciar as especiais razóns de urxencia, vinculando esta decisión á análise da natureza dos intereses en conflito e á indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública”. A concorrencia de circunstancias de especial urxencia, tal e como destaca o TSXG, é indispensable para suspender un acto administrativo con carácter cautelarísimo.