A Audiencia inhabilita durante doce anos ao alcalde pedáneo de Bembrive (Vigo) por prevaricar ao adxudicar contratos para a festa da sidra

O condenado, que ostenta o cargo desde 2019, actuou, segundo os maxistrados, “coa intención de atentar contra os principios de transparencia, libre concorrencia e igualdade de oportunidades e a sabendas da súa ilegalidade”

Autor
Comunicación Poder Judicial

.- A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, inhabilitou durante doce anos ao alcalde pedáneo de Bembrive para emprego ou cargo público por cometer un delito continuado de prevaricación administrativa ao fraccionar en contratos menores, “para eludir os requisitos legais”, a compra de sidra para a festa que anualmente se celebra nesta parroquia. O tribunal destaca que, mediante ese procedemento, adxudicou a unha empresa, durante os anos 2019 e 2020, “de forma directa e sen cumprir o procedemento legal para contratos de subministración superiores a 15.000 euros”, a compra da sidra. O condenado, que ostenta o cargo desde 2019, actuou, segundo os maxistrados, “coa intención de atentar contra os principios de transparencia, libre concorrencia e igualdade de oportunidades e a sabendas da súa ilegalidade”. 

A adquisición da sidra, segundo a resolución, “elevouse no ano 2019 á contía de 120.000 euros; e, no ano 2020, a 130.000 euros”. A Audiencia destaca que, tras presentar cada unha das facturas á interventora para o seu pagamento, “esta formulaba, de forma continua, reparo suspensivo, por tratarse dunha adxudicación verbal, sen base en contrato administrativo que sustentase dita contratación e por prescindir totalmente do procedemento previsto para a contratación de subministracións que excedan de 15.000 euros”. 

“De forma sistemática o acusado levantaba o reparo suspensivo e ordenaba o pago”, recalcan os xuíces, os cales salientan que o acusado é autor dun delito continuado de prevaricación administrativa, “pola súa participación material e directa nos actos que se lle atribúen”, á vez que indican que a súa conduta “constitúe unha omisión reiterada, voluntaria e deliberada das normas administrativas que rexen a contratación pública”. Contra a sentenza cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.