Un xulgado de Ourense rexeita unha demanda dun ex policía local contra o alcalde por intromisión no seu dereito á honra

O maxistrado conclúe que as expresións de ‘mafia policial’ ou de ‘mazás podres no corpo’ eran xeneralistas, non individualizadas no ex axente. Destaca que o feito de que o rexedor asegurase que tiña antecedentes penais era certo, pois o demandante foi condenado por un delito de falsidade en documento público

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ourense rexeitou a demanda interposta por un ex policía local de Ourense contra o alcalde da localidade por intromisión ilexítima no dereito á honra e á intimidade persoal. O maxistrado rexeita na sentenza que as expresións vertidas polo rexedor municipal achegadas á causa sexan inxuriosas e que constitúan “un ataque á honra e/o a intimidade do demandante”. O ex axente, segundo a resolución, refire que, por mor dun altercado que tivo co alcalde o 14 de febreiro de 2019, “iniciou unha campaña de descrédito contra a súa persoa” a través de diferentes medios. O maxistrado, con todo, destaca que da pericial presentada polo demandante se observa “que todo fai referencia ao altercado de 2019 no que se fala do demandante como policía con antecedentes penais”. O xuíz salienta que esa afirmación era certa, pois o ex policía recoñeceu no seu interrogatorio que foi condenado por un delito de falsidade en documento público. Desta forma, destaca que “non se observa nada que fose inxurioso ou que non fose verdadeiro nesas palabras vertidas polo demandado en redes sociais”.

En canto ás expresións nas que o alcalde de Ourense “fala de que existe unha mafia policial ou que hai mazás podres no corpo”, o titular do Xulgado de Primeira Instancia número 1 indica que as realiza “de maneira xeneralista, sen que se concrete que se refire ao demandante”. Ademais, engade que o ex axente, no seu interrogatorio, “declarou, en primeiro lugar, que el non se sentía concernido por esas declaracións, para ao cabo dun intre dicir que si”. Por iso, considera que “esa xeneralización que fixo o demandado nos medios non pode entenderse como un ataque persoal ao demandante, que esgrime o seu dereito á honra como particular, polo que non existe un prexuízo directo á honra”. En canto á gravación na que o rexedor local relata o enfrontamento que se produciu entre as partes, o xuíz afirma na sentenza que “non inclúe ningunha frase que poida ser atentatoria á honra do demandante, xa que unicamente faise referencia á condena do demandante por un delito de falsidade, o que é certo, volvendo utilizar as demandado expresións xeneralistas de `mafia policial´ ou de que algúns policías son `corruptos´, pero non individualizándoo no demandante”. A resolución non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial de Ourense.