O TSXG abre o prazo de inscrición para participar no programa Educar en Xustiza do curso 2022-2023

A iniciativa, que ten como obxectivo que o alumnado entenda o funcionamento da Administración de Xustiza, está dirixida a estudantado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelat. Os participantes asistirán a vistas nos órganos xudiciais de Galicia e terán a oportunidade de debater sobre os casos cos xuíces ou xuízas que as presidan

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) abriu hoxe o prazo de inscrición para os centros galegos públicos, privados e concertados que desexen participar durante o curso escolar 2022-2023 no programa Educar en Xustiza. A iniciativa, que ten como obxectivo que o alumnado entenda o funcionamento da Administración de Xustiza, está dirixida a estudantado de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato. O pasado curso participaron no programa, promovido polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e o TSXG, 2.233 alumnos/as, dos cales 754 foron recibidos en órganos xudiciais da provincia da Coruña; 304, de Lugo; 147, de Ourense; e 1.028, de Pontevedra. 

Os centros interesados en formar parte da nova edición de Educar en Xustiza deben enviar a súa solicitude ao correo electrónico comunicacion.tsxg@xunta.gal, indicando os seguintes datos: número de alumnos/as que farán a visita e o curso (deberán escoller só un, sen prexuízo de que participen varias clases dese curso), datos de contacto da persoa que acompañará ao estudantado, mes de preferencia e partido xudicial elixido de entre os 45 que hai en Galicia para realizar a actividade. 

Os participantes poderán asistir a vistas nos órganos xudiciais da comunidade, durante as que comprobarán de primeira man en que consisten os xuízos e o papel que desempeña cada un dos intervenientes neles, e terán a oportunidade de debater sobre os casos cos xuíces ou xuízas que presidan cada unha das sesións. Ademais, os membros da carreira xudicial explicaranlles en que consiste o seu traballo e responderán as dúbidas que lles expoñan. 

Durante as visitas, incidirán en aspectos que á mocidade lle poden afectar de forma directa, tales como a violencia de xénero, os delitos que teñen que ver co uso das redes sociais, o acoso escolar, o sexting e outros relacionados co consumo de alcol e drogas. Os xuíces e xuízas tamén lles explicarán conceptos básicos da xurisdición de menores. 

Nesta ligazón https://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Educar-en-Justicia/ están dispoñibles un caderno informativo e un vídeo sobre a Xustiza dirixido ao estudantado.