O CXPX mantén polo menos ata xuño os dous reforzos dos xulgados do social da Coruña

Os dous maxistrados deberán sinalar e finalizar cen asuntos ao mes, preferentemente de despedimentos e causas urxentes. O TSXG solicitou outras dúas comisións de servizo con relevación de funcións para continuar coa redución da pendencia destes órganos. Estas medidas permitiron que entre xaneiro e setembro deste ano os asuntos en trámite nestas unidades descendesen un 13,8 % en comparación con 2020.

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os xulgados do social da Coruña continuarán reforzados ata, polo menos, o 30 de xuño de 2022. Así o decidiu, tras a solicitude formulada pola Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), que aprobou hoxe o mantemento ata esa data de dúas comisións de servizo a favor da maxistrada Ana María Souto González, titular do Xulgado do Social número 4 de Santiago, e de Javier López Cotelo, titular do Xulgado do Social número 1 de Lugo.

Ambos deberán sinalar e finalizar un centenar de asuntos ao mes, preferentemente de despedimentos e causas urxentes, segundo os obxectivos avalados polo CXPX e establecidos pola Sala de Goberno do TSXG, que tamén demandou que a estes dous reforzos nos órganos do social da Coruña se sumen, polo menos durante un semestre, outras dúas comisións de servizo, con relevación de funcións, o que quere dicir que se dedicarán en exclusiva á atención destes órganos xudiciais. En concreto, a favor da maxistrada Elena Isabel Moreira Lantes, titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Ordes, e de Humberto Luis Martín Martín, titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único de Negreira. De acordo co Plan de Actuación Elaborado pola Sala de Goberno do TSXG, cada un dos dous reforzos deberá finalizar cen asuntos ao mes. Esta proposta está pendente de aprobación por parte da Comisión Permanente do CXPX.

Os xulgados do social da Coruña, segundo os últimos datos estatísticos dispoñibles, ingresaron 4.943 procedementos entre xaneiro e setembro deste ano, e resolveron 5.627, 803,86 de media por órgano xudicial. Ao comezo do período, tiñan 8.329 asuntos pendentes e, ao finalizalo, 7.578, é dicir un 9 % menos. Se a comparación a realizamos con 2020, nos nove primeiros meses deste ano os asuntos en trámite descenderon un 13,8 %.

A carga de traballo media dos xulgados do social da Coruña, segundo o informe elaborado polo servizo de inspección do CXPX, superou amplamente o indicador de entrada en todos os períodos analizados, alcanzando o 157 %, en 2019; o 142 %, en 2020; e o 149 %, nos tres primeiros trimestres de 2021. Por outra banda, o rendemento medio destes órganos, que inclúe a dos maxistrados titulares e de reforzo, foi do 151 %, en 2019; do 129%, en 2020; e do 184 %, entre xaneiro e setembro de 2021.

O nivel de pendencia medio destes xulgados situouse, a 30 de setembro de 2021, en 1.484 asuntos, mentres que a media nacional dos órganos de igual clase foi de 897 procedementos. Por outra banda, o tempo medio de resposta, a finais de setembro deste ano, foi de 12,9 meses, superior á media estatal, que se estableceu en 8,9 meses.

Estes órganos tamén están reforzados na Coruña cunha letrada da Administración de Xustiza e un equipo de funcionarios formado por tres xestores, dous tramitadores e un funcionario de auxilio. Ademais, contan con catro funcionarios doutros xulgados en prolongación de xornada.