As execucións hipotecarias mantéñense en Galicia e os lanzamentos baixan un 38,4 % en 2020

Os xulgados especializados en cláusulas chan da comunidade ingresaron 3.469 asuntos, un 7,8 % menos. As demandas por ocupación ilegal de vivendas descenderon un 35,2 %, pois se presentaron 94, fronte ás 145 de 2019. Nos xulgados do social galegos interpuxéronse 5.461 demandas por despedimento, un 3 % menos que o ano anterior. Os ERE aumentaron un 21,6%, de 37 a 45, e os concursos tramitados nos órganos mercantís diminuíron un 10,7 %

Autor
Comunicación Poder Judicial

O ano pasado as demandas de execucións hipotecarias presentadas en Galicia practicamente mantivéronse con respecto ao ano anterior. En concreto, iniciáronse 772 procedementos deste tipo, un 1,8 % máis que en 2019, cando se rexistraron 758, a cifra máis baixa dos últimos doce anos. No conxunto do Estado, aumentaron un 17,5 %, tras sete anos consecutivos de descenso, segundo se desprende do informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Os xulgados galegos practicaron o ano pasado 1.398 lanzamentos, dos que 1.150, o 82,2 %, foron consecuencia de procedementos derivados da Lei de arrendamentos urbanos (LAU), é dicir, por impagos de alugueiro. Outros 206 corresponderon a execucións hipotecarias, e os 42 restantes derivaron doutras causas. En comparación co mesmo período do ano pasado, o número de lanzamentos na comunidade experimentou un descenso do 38,4 %, ao pasaren de 2.271 a 1.398. No conxunto do Estado diminuíron un 45,6 % respecto ao ano anterior.

O ano pasado os xulgados especializados en cláusulas chan ingresaron 3.469 asuntos (un 7,8 % menos); resolveron 4.215 (un 10,7 % menos) e deixaron en trámite 6.835 (un 9,8 % menos). Os órganos xudiciais ditaron, nestes procedementos, 3.808 sentenzas, das cales foron estimatorias o 97,5 %.

O estudo, ademais, reflicte que en 2020 os xulgados da comunidade recibiron 94 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos en que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social. En 2019 rexistraron 145, o que supón que experimentaron un descenso interanual do 35,2 %.

O informe presentado hoxe tamén inclúe datos dos concursos presentados nos xulgados do mercantil. Dos 319 rexistrados en 2019, pasouse a 285 en 2020, o que supón unha baixada do 10,7 %. Con respecto aos concursos das persoas naturais non empresarias, que desde a modificación da Lei orgánica do poder xudicial que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015 corresponden aos xulgados de primeira instancia e instrución, presentáronse en Galicia 301 casos, fronte aos 227 do mesmo período do ano anterior (un 32,6 % máis).

En canto aos expedientes do artigo 64 da Lei concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (ERE), na comunidade galega contabilizáronse 45 o ano pasado, un 21,6 % máis que en 2019, cando se rexistraron 37.

Nos xulgados do social, segundo o informe da Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, interpuxéronse 5.461 demandas por despedimento, o que supón un descenso interanual do 3 %, pois en 2019 rexistráronse 5.628.

O estudo, ademais, reflicte un incremento dos procedementos monitorios presentados en 2020 nos xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución. En Galicia presentáronse 40.267, fronte aos 39.040 do ano anterior, o que supón unha suba interanual do 3,1 %. Este tipo de procedemento serve para reclamar débedas en diñeiro líquidas, determinadas, vencidas e esixibles, e inclúen as cantidades debidas en concepto de gastos comúns de comunidades de propietarios de inmobles urbanos.

Consulte os datos estatísticos correspondentes ao cuarto trimestre de 2020 e as series completas desde 2007 no seguinte enderezo:

http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Temas/Estadistica-Judicial/Estudios-e-Informes/Informes-por-territorios-sobre-la-actividad-de-los-organos-judiciales/