O presidente do TSXG reúnese cos xuíces/zas de Ferrol para coñecer as súas demandas

Os membros da carreira xudicial solicitaron melloras nos medios tecnolóxicos e a realización de pequenas obras no edificio para ampliar a súa capacidade. Díaz-Castroverde lembrou que a Sala de Goberno solicitou a creación dun novo xulgado do social na localidade

Autor
Comunicación Poder Judicial
O presidente do TSXG reúnese cos xuíces/zas  de Ferrol para coñecer as súas demandas

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, reuniuse hoxe en Ferrol cos xuíces/zas da localidade, os cales lle trasladaron as súas principais problemáticas, entre as que figuran a falta de capacidade do edificio, polo que expuxeron a posibilidade de facer pequenas reformas na terceira planta para acondicionar esa zona e gañar espazo. Aínda así, o inmoble quedaría pequeno para albergar novas unidades xudiciais. Ademais, durante o encontro, trasladaron ao presidente que é fundamental mellorar o sistema de xuízos telemáticos, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), pois os fallos tecnolóxicos son recorrentes.

Díaz-Castroverde, que xa visitou o ano pasado Ferrol, analizou cos xuíces/zas a evolución e o funcionamento dos órganos xudiciais da localidade. O presidente destacou que, tal e como revelan as estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en 2020, debido á suspensión de prazos procesuais pola pandemia, en Ferrol aumentaron de forma moderada os asuntos en trámite en comparación coa media de Galicia. Durante o encontro, lembrou que a Sala de Goberno do TSXG incluíu este ano entre as súas necesidades a creación dun novo xulgado do social en Ferrol, aínda que indicou que, en 2020, se produciu un descenso de case un 50% na entrada de asuntos desta xurisdición.

A visita a Ferrol do presidente do TSXG enmárcase dentro das reunións que mantén cos membros da carreira xudicial de Galicia, tanto nas sete principais cidades como no resto de partidos xudiciais da comunidade, co obxectivo de coñecer de primeira man as súas demandas e tentar dar resposta ás problemáticas que lle expoñen. Nas visitas que realizou ata o de agora, a maioría dos xuíces/zas demandaron melloras nos medios tecnolóxicos, cuxo uso se incrementou pola pandemia, e expuxéronlle necesidades derivadas da suspensión de prazos procesuais acordada con motivo da crise sanitaria da COVID-19.