O TSXG anula as licenzas de legalización dunha gasolineira e unha cadea de comida rápida de Sanxenxo

O alto tribunal galego entende que nin a gasolineira nin o local de comida rápida se adecúan ao permiso orixinal, polo que decreta a revogación das súas licenzas de legalización

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) revogou as licenzas concedidas polo Concello de Sanxenxo en 2017 para legalizar unha cadea de comida rápida e unha gasolineira situadas no lugar de Padriñán (Sanxenxo). A Sala salienta que o establecemento de hostalería se atopa “nunha construción autónoma e independente” da estación de servizo, a pesar de que os seus promotores pretendían xustificar a súa construción en chan rústico vinculándoo á gasolineira, baixo cuxa marquesiña tamén alberga unha tenda, unha oficina e unha pequena cafetería.

Ademais, os xuíces destacan que a Lei do Solo de Galicia esixe para a autorización en chan rústico deste tipo de usos construtivos “que se trate de instalacións vinculadas funcionalmente á estrada e previstas na lexislación sectorial”. O TSXG considera “evidente” que a tenda e a cafetería da gasolineira, así como o restaurante, que está noutro edificio, “carecen da vinculación esixida”.

O alto tribunal galego entende que nin a gasolineira nin o local de comida rápida se adecúan ao permiso orixinal, polo que decreta a revogación das súas licenzas de legalización. A tenda, a cafetería e a oficina da estación de servizo, segundo a resolución, ocupan moito máis espazo (121 m2) que o destinado aos surtidores de carburante (18 m2), algo que, ao estar en chan rústico, a lei non permite. A construción dunha gasolineira na zona podería autorizarse, pero debería de ocupar un espazo mínimo unicamente destinado a encher os depósitos dos vehículos.

A equiparación do restaurante de comida rápida, que ocupa 253 m2, coas áreas de servizo para xustificar a súa construción en Sanxenxo, segundo o alto tribunal galego, “non é afortunada”, xa que a lei galega establece que as instalacións autorizadas nese tipo de chan “non poden xerar un tráfico adicional”. Así, os maxistrados entenden que é obvio que “o restaurante dunha coñecida cadea alimenticia non cumpre devandito requisito, xa que pode atraer a máis clientes que os que van encher combustible”.

Os xuíces indican que é “evidente” que o servizo de gasolineira “non esixe o acceder a un servizo de restauración”. Así, conclúen que son autónomos, “como resulta non só da natureza da súa actividade, senón tamén das diferentes datas de outorgamento das licenzas”.
***