O Xulgado de Familia de Santiago autoriza a unha nai a vacinar á súa filla da COVID-19 a pesar da oposición do pai

O maxistrado asegura na resolución que a “única perspectiva a ponderar” neste caso é a individual da menor, é dicir, “a identificación da maior protección e do mellor beneficio para a súa saúde”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Santiago, especializado en Familia, autorizou a unha nai a vacinar da COVID-19 á súa filla de oito anos, a pesar da oposición do pai. Desta forma, acordou atribuírlle en exclusiva a facultade de decidir sobre a inoculación fronte ao coronavirus da menor, mentres que, respecto ao seu irmán, de catro anos, o xuíz decidiu non atribuír, polo momento, a ningún dos dous proxenitores a decisión sobre a súa vacinación, pois debe ser tomada cando cumpra os cinco anos. 

O maxistrado asegura na resolución que a “única perspectiva a ponderar” neste caso é a individual da menor, é dicir, “a identificación da maior protección e do mellor beneficio para a súa saúde”, á vez que advirte de que deben quedar “en moi segundo plano” outras consideracións de saúde pública, “dada a natureza voluntaria da vacina”. Así, o xuíz destaca que, no momento actual, é “a única alternativa eficiente fronte ao risco real de desenvolver a enfermidade” e, ademais, salienta que o eventual risco para a saúde da menor derivado da súa inoculación é “moi inferior ao risco certo de contraer a enfermidade en caso de non vacinación, por moi leves que sexan a maioría dos casos diagnosticados ata a data nesa franxa de idade”. 

Ademais, afirma que “non se poden eludir, aínda cando teñan unha incidencia indirecta, aspectos tales como a posibilidade de próximas restricións para os non vacinados que poden afectar á realización de futuras actividades extraescolares e inclusive á asistencia a campamentos de verán, realización de desprazamentos ao estranxeiro, etc.". No auto, o xuíz tamén recalca que as diferentes autoridades europeas e, en particular, as españolas recomendaron a vacinación en menores maiores de cinco anos tras ponderar os supostos riscos aos que alude o proxenitor da nena, entre eles “a ausencia de exixibilidade de previa prescrición médica individualizada e o risco de miocarditis ou outros efectos secundarios”. 

Na resolución lembra que a vacina foi aprobada pola Axencia Europea do Medicamento e pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, o que permite, segundo o xuíz, “presumir a súa elaboración coas máximas garantías de calidade, eficacia e seguridade”. O maxistrado indica no auto que non consta que a administración da vacina supoña “un ataque á integridade da menor por razón de previas patoloxías, enfermidades, medicación prescrita, etc.”.