Un xulgado anula a adxudicación do contrato de xestión da estación de Manzaneda

A xuíza considera que infrinxiu “os principios de concorrencia e non discriminación”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Ourense anulou a adxudicación do contrato para a xestión da estación de inverno de Manzaneda á empresa Artabria Turismo. A maxistrada acolleu o recurso interposto por Grupo Sierra Gestión de Turismo contra a resolución de decembro de 2020 ditada pola sociedade pública Estación de Inverno Manzaneda S.A. (MEISA) pola que se adxudicou o contrato. 

A xuíza salienta que a sociedade demandada, que acudiu a un procedemento de adxudicación directa sen publicidade para elixir á empresa, “debeu, cando menos, solicitar tres ofertas, sen que no expediente exista razón algunha que xustifique a imposibilidade de cumprir tal requisito,  máxime cando a recorrente puxera de manifesto o seu interese en ser convidada á participación, o que denota que non existía unha imposibilidade material de solicitar cando menos tres ofertas por inexistencia de operadores no mercado”. Por iso, considera que infrinxiu “os principios de concorrencia e non discriminación”. 

Na sentenza, a maxistrada indica que “non existe ningún acordo ou acto en virtude do cal a sociedade resolvese acudir ao procedemento negociado sen publicidade, senón que existe só o informe da xerencia e, directamente, a invitación a un único operador económico e posterior formalización do contrato”. Polo tanto, asegura que se suscita “a falta de competencia, en canto a que o contrato e o propio procedemento negociado sen publicidade non foi autorizado polo órgano de contratación”.