A Sala de Goberno do TSXG aproba a modificación do protocolo sobre actuacións e organización nos órganos xudiciais

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala de Goberno do TSXG, en sesión do 14 de xaneiro de 2022, aprobou a modificación do protocolo sobre actuacións e organización nos órganos xudiciais no ámbito do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, cuxa última actualización fora aprobada pola Sala de Goberno do TSXG en sesión do 9 de outubro de 2020, co obxecto de adaptalo ás últimas modificacións normativas.  

A modificación foi aprobada nos seguintes termos:  

Na situación actual de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, as medidas de prevención e contención que adoptan as autoridades sanitarias deben de adaptarse á situación epidemiolóxica de cada momento e aos indicadores da evolución da pandemia. Esta cambiante situación obriga a adaptar os protocolos de actuación das diferentes administracións públicas ás modificacións normativas que introduzan novas medidas coas que se trata de protexer á cidadanía, e no ámbito da Administración de Xustiza, aos usuarios e ao persoal ao servizo desta administración pública. 

Entre as últimas modificacións normativas está a Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, e o máis recente Real Decreto-lei 30/2021, do 23 de decembro, polo que se adoptan medidas urxentes de prevención e contención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. 

Estas normas contemplan o uso xeneralizado de máscaras por parte da cidadanía, estendéndose o seu uso obrigatorio a calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público, e a calquera espazo ao aire libre de uso público ou que se atope aberto ao público, entre outros espazos; medida coa que se pretende reducir a transmisión comunitaria do coronavirus tendo en conta a alta transmisibilidade do SARS-CoV-2, considerando especialmente o potencial incremento da transmisibilidade de novas variantes e a capacidade das máscaras de bloquear a emisión e recepción de aerosois. 

Desta maneira modificouse o Protocolo sobre actuacións e organización nos órganos xudiciais no ámbito do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e en particular as normas sanitarias durante a celebración das actuacións xudiciais (utilización das salas de vistas), e do Anexo I (Normas sanitarias de obrigado cumprimento nos edificios xudiciais), para eliminar a posibilidade de non usar a máscara se se garante a distancia interpersoal, impoñéndose o seu uso salvo que, puntualmente e por razóns excepcionais, quen interveña na celebración dun acto procesual non poida expresarse coa suficiente claridade, non poida facerse entender ou non poida ser debidamente identificado/a, nese caso poderá permitirse a retirada da máscara parcialmente e polo instante necesario para emitir a palabra ou frase coa que a persoa se queira expresar, ou o necesario para que poida ser debidamente identificada, e sempre que se respecte a distancia interpersoal.