O TSXG anula a autorización para construír un parque eólico situado en Coristanco e Santa Comba (A Coruña)

O alto tribunal galego acolleu o recurso presentado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica contra o acordo do Consello da Xunta de 18 de novembro de 2021 polo cal se concedeu a autorización ao parque

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, así como de compatibilidade con diversos aproveitamentos mineiros e forestais, do proxecto do parque eólico Campelo, situado en Coristanco e Santa Comba (A Coruña) e promovido por Greenalia. Desta forma, o alto tribunal galego acolleu o recurso presentado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica contra o acordo do Consello da Xunta de 18 de novembro de 2021 polo cal se concedeu a autorización ao parque. 

O TSXG concluíu que se produciu unha “indebida fragmentación” do parque, pois non é autónomo e independente respecto dos do Monte Toural e Bustelo, promovidos por promotoras vinculadas. Así, os maxistrados salientan que “ningún letrado nega que os tres proxectos compartan liñas e infraestruturas de evacuación, como tampouco que cada un deles fose obxecto de estudo dos seus efectos acumulativos e sinérxicos, así como da súa propia declaración de impacto ambiental, de modo que con iso recoñecen abertamente que se produciu a fragmentación da avaliación ambiental de proxectos de tres parques eólicos que, en realidade, non eran autónomos, senón integrados e dependentes entre si, ao compartir estruturas e conexións”. E iso, segundo resalta a Sala, “a pesar de que as solicitudes se formularon en datas distantes entre si”. Polo tanto, o alto tribunal indica que “a avaliación ambiental ordinaria tería que ser única”, polo que acolleu o motivo de nulidade. 

Na sentenza, o TSXG explica que o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, ordena que tanto o proxecto de execución como o estudo de impacto ambiental, se sometan conxuntamente a un trámite de información pública durante un prazo de trinta días. Neste caso, con todo, a Xunta acordou en 2018 declaralo de interese especial, “cos efectos de tramitalo de forma prioritaria e con redución dos prazos na instrución do procedemento de autorización administrativa previa e de construción, así como do procedemento de avaliación ambiental e do proxecto sectorial á metade”. 

O fallo tamén resalta que artigo 1 da Directiva 2014/51/UE, do Parlamento Europeo e do Consello do 16 de abril de 2014, dispuxo que “o prazo fixado para a consulta do público interesado sobre o informe de avaliación do impacto ambiental non será inferior a 30 días”. E engadiu, segundo indican os xuíces, “que era obrigación imposta aos estados membros de traspoñer tal directiva, como moi tarde, o 16 de maio de 2017”. 

“A primacía do dereito comunitario sobre o autonómico non deixa lugar a dúbidas, do que se conclúe que non foi acorde a dereito a redución do prazo de información pública á metade no procedemento de avaliación do impacto ambiental”, afirma a Sala, que tamén subliña que cando se someteu o proxecto ao último trámite de información pública (por un prazo de quince días), “aínda non se recibiran todos os informes sectoriais”, do que resulta que quen xa alegaran ou quen aínda non o facían no prazo outorgado, “non puideron exercer de forma plena o seu dereito para participar de forma efectiva e con pleno coñecemento de todas as opcións que se presentaban, nun trámite que necesariamente tiña que realizarse antes de adoptar a decisión definitiva sobre o proxecto que se promovía”. A sentenza do TSXG non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.