O alcalde de Ourense é absolto do delito leve de maltrato que lle imputaban por empuxar unha manifestante

O instrutor explica na sentenza que a actuación do rexedor municipal é “unha mera reacción ao feito de que a denunciante utilizase o megáfono a escasos centímetros da súa cara”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 2 de Ourense absolveu o alcalde da cidade do delito leve de maltrato de obra que lle imputaban por empuxar unha participante nunha concentración que tivo lugar na porta do Concello o 3 de maio de 2022. O instrutor explica na sentenza que as partes non discuten o sucedido porque o incidente está recollido nunha gravación, cuxo contido non impugnaron, asemade conclúe que, ao seu xuízo, a actuación do rexedor municipal é “unha mera reacción ao feito de que a denunciante utilizase o megáfono a escasos centímetros da súa cara”. 

O xuíz basea a súa conclusión no feito de que despois de propinar o empuxón, o alcalde a suxeitase durante varios segundos, polo que asegura que “parece clara” a súa intención de evitar que puidese “utilizar novamente o megáfono preto da súa cara”. Ademais, indica que é “significativo” o feito de que despois do empuxón se iniciase unha discusión entre ambos, na que o alcalde “parece estar reprochándolle algunha cousa, o cal tamén é compatible coa versión dos feitos que ofreceu no acto da vista”. 

No xuízo, o rexedor afirmou que en ningún momento tivo a intención de agredir ou maltratar a participante na concentración. Así, manifestou que o único que pretendía era “apartar a denunciante” e que reaccionou dese modo “pola utilización que realizou do megáfono, xusto a escasos centímetros da súa cara”. Ademais, declarou que tiña “temor a que lle puidese causar algún tipo de lesión auditiva”. 

O xuíz sinala na sentenza que “ben é certo que a súa reacción quizais sexa un tanto desproporcionada”, pero salienta que “en ningún momento alcanza a intensidade suficiente como para ser considerada delituosa”. No relato de feitos probados, o maxistrado asegura que durante a concentración, o alcalde “tivo a intención de dirixirse aos manifestantes empregando un megáfono que para ese efecto parecía pór á súa disposición a denunciante”. Con todo, segundo a sentenza, “inmediatamente” prodúcese “un cambio de actitude” no alcalde, “quen parece estar enfadándose, ao tempo que se dirixe á denunciante empregando a expresión ‘non me toques’, o que á súa vez provoca unha reacción na denunciante, quen baixa a máscara, toma o megáfono e a escasos centímetros da cara do señor alcalde grita a expresión ‘fala’”. Iso, segundo a resolución, provoca que o rexedor “a empuxe de forma brusca para, acto seguido, suxeitar durante varios segundos a denunciante, xusto até o momento no que varias persoas se interpoñen entre ambos, iniciándose entón unha pequena discusión entre ambos, concluíndo deste xeito o incidente”. Contra a sentenza cabe presentar recurso.