A Audiencia de Pontevedra condena a tres anos e dez meses de cárcere a unha enfermeira que drogou a súa filla

O tribunal salienta que a procesada coñecía, pola súa profesión, que estas substancias están “totalmente desaconselladas para menores de tan curta idade”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou a tres anos e dez meses de cárcere a unha enfermeira por subministrarlle a súa filla, desde que tiña ao redor de 18 meses e ata os catro anos, medicamentos coa intención de “culpar ao pai -do que estaba separada- desta conduta” e privalo de relacionarse coa menor. O tribunal salienta que a procesada coñecía, pola súa profesión, que estas substancias están “totalmente desaconselladas para menores de tan curta idade”, pois dúas delas afectan o sistema nervioso, chegando unha delas a poder afectar o crecemento do corazón. Pola súa banda, a terceira substancia, segundo a sentenza, é un fármaco opioide, utilizado como analxésico narcótico e que causa grave dano á saúde, segundo o Instituto Nacional de Toxicoloxía, na súa relación de substancias tóxicas de tráfico de drogas.

Por iso, condenou á acusada como autora dun delito contra a saúde pública, na súa modalidade de substancias que causan grave dano á saúde, así como dun delito de malos tratos no ámbito familiar. Ademais da pena de prisión, inhabilitouna para o exercicio da patria potestade durante dous anos e impúxolle a privación do dereito á tenza e porte de armas durante dous anos e medio.

A Sala conclúe que existiu unha vulneración do ben xurídico protexido, é dicir, a saúde pública, pois destaca que a droga “se administrou a unha bebé, pola persoa da súa nai, que era quen tiña a súa garda e custodia”. Con todo, indica que “a exposición da menor a tales fármacos non ocasionou un quebranto á súa integridade física”, polo que incardina a conduta da acusada dentro do tipo penal dos malos tratos de obra respecto a súa filla. Os maxistrados destacan a “actitude premeditada” da condenada, quen denunciaba “o estado somnolente que presentaba a filla cando volvía das visitas co seu pai”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o TSXG.