O xulgado do Mercantil con sede en Vigo avala a política de equipaxe de cabina de Ryanair

A maxistrada, de acordo coa xurisprudencia do TXUE e do Tribunal Supremo, rexeita a demanda presentada por dous pasaxeiros aos que a aeroliña lles cobrou por superar o límite de volume contratado

Autor
Comunicación Poder Judicial

05/08/2022.- O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, avala nunha sentenza a política de equipaxe de cabina de Ryanair. Na resolución, rexeita a demanda presentada por dous pasaxeiros aos que a aeroliña cobrou 91,98 euros por transportar vultos de maior tamaño do contratado en setembro de 2021 nun voo entre Ponta Delgada e Porto. Os demandantes, segundo consta no fallo, pagaron por un servizo adicional á tarifa estándar (que só permite un bolso de man de determinadas dimensións) para poder transportar en cabina dous vultos: un bolso de man e unha maleta de ata 10 quilos de 55x40x20 cm. Con todo, os clientes de Ryanair, segundo a sentenza, portaban vultos que superaban o volume que contrataran, polo que foron requiridos polo persoal da compañía aérea ao embarcar para que abonasen 91,98 euros.

“Non consta que se esixira aos pasaxeiros o pagamento dun suplemento por non facturar a súa equipaxe de man, entendendo por tal aquel que non supere as dimensións sinaladas pola compañía aérea”, explica a xuíza, á vez que salienta que a empresa “non impón aos pasaxeiros a obriga de facturar toda a súa equipaxe, senón que permite a viaxe cunha equipaxe de man en cabina sen custo adicional”. 

Á hora de emitir a sentenza, a maxistrada tivo en conta a doutrina xurisprudencial emanada da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) do 18 de setembro de 2014, na que asegura que a equipaxe de cabina “non pode ser obxecto dun suplemento de prezo, a condición de que responda as esixencias razoables relativas ao seu peso e dimensións e cumpra cos requisitos de seguridade aplicables”. Ademais, a maxistrada do Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, destaca que o fallo do Tribunal Supremo do 7 de xullo de 2021 tamén considerou que os cargos adicionais establecidos no condicionado de Ryanair por equipaxe facturada son “unha cláusula que está amparada pola liberdade de fixación do prezo do transporte de pasaxeiro e as condicións das que goza o transportista aéreo”. Polo que o alto tribunal decretou que esa cláusula “non infrinxe a normativa protectora dos consumidores”.

“A esixencia dese suplemento de facturación por equipaxe, ao tempo do embarque, responde a razóns lóxicas e obxectivas valorables en atención ao seu tamaño, peso e dimensión. A parte demandante non acreditou que a súa equipaxe de man cumprise coas dimensións esixidas pola compañía”, recalca a maxistrada do Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, quen destaca que “non cabe esixir ás compañías aéreas, pois excedería do razoable, que non limiten aos pasaxeiros a equipaxe de man, pois son as propias dimensións da cabina do avión e a carga máxima de este as que conlevan a necesidade de fixar un límite”.

Ademais, a xuíza indica que “non pode haber abusividade”, desde a perspectiva de que o servizo e a tarifa “non é imposta, senón libremente aceptada”. Así, sinala que o servizo é “real e engadido (non limitativo) ao dereito do viaxeiro de transportar gratuitamente un vulto como equipaxe de man”, á vez que afirma que ese servizo engadido “opera como compensación (reciprocidade) polo abaratamento das tarifas que aplican as compañías, fundamentalmente as denominadas low cost ou de baixo custo”, de forma que o usuario “pode viaxar a un prezo moi inferior ao normal noutras condicións e co dereito de portar unha equipaxe de man dentro dos límites do razoable (e indispensable) ou optar por servizos adicionais, entre os que se inclúe o que nos ocupa, a facturación de maletas, clase preferente....etc.”. Por todo iso, a maxistrada decretou que non procede o acollemento da demanda que os dous viaxeiros presentaron en Vigo por ser a súa cidade de residencia. Contra a sentenza non cabe presentar recurso.