A Audiencia ordena que se investigue por detención ilegal aos dous policías que arrestaron ao capitán do Deportivo

O tribunal cualifica de “razoable” a indagación xurisdicional reclamada polo futbolista “en relación cunha actuación policial xa tachada repetidamente de irregular e que presenta indicios de reunir marcadores de tipicidade penal (detención ilegal por funcionario)”

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña ordenou a continuación do procedemento penal contra os dous axentes de policía que o pasado 5 de agosto detiveron ao capitán do Deportivo, Alex B., pola presunta comisión dun delito de corrupción entre particulares tras facerse público un audio que enviou a un grupo privado de wasap. O caso no que se investigou ao futbolista foi sobreseído.

A Audiencia, tras acoller o recurso presentado polo xogador do Deportivo contra o auto do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña no que ordenaba o arquivo da causa relativa ao seu arresto, decretou que se tome declaración aos dous funcionarios do Centro Nacional Policial de Integridade no Deporte e Apostas (CENDIPA) como investigados por un delito de detención ilegal, así como que se amplíe a declaración do prexudicado. O tribunal cualifica de “razoable” a indagación xurisdicional reclamada polo futbolista “en relación cunha actuación policial xa tachada repetidamente de irregular e que presenta indicios de reunir marcadores de tipicidade penal (detención ilegal por funcionario)”.

Os xuíces indican no auto que os feitos obxectivos “poñen en cuestión a necesidade conceptual da detención”, pois “nada avalaba o prognóstico” de que o capitán do Deportivo non comparecería ao ser chamado a dependencias policiais, fiscais ou xudiciais, e, ademais, “de ningún xeito existía risco de fuga”.

“Para afirmar a legalidade dunha detención, para descartar a desviación de poder, non basta con averiguar a obxectiva existencia dun feito delituoso e tampouco chega con percibir un xuízo indiciario de autoría, no presente caso, francamente cuestionable, é imprescindible unha valoración do perigo de fuga do sospeitoso, sen a cal se desvanece a lexitimidade da detención”, salientan os maxistrados, á vez que recalcan que ese risco de subtracción á acción da xustiza do futbolista “nin é suxerido no atestado nin se infere de dato algún traducido da instrución” porque “sinxelamente, non existía”.