Os xulgados galegos organizan as citas previas para a cidadanía por vía telefónica ou correo electrónico

O TSXG, en colaboración coa Amtega, publicou na web www.xustiza.gal un directorio actualizado dos órganos xudiciais da comunidade. Ata tres meses despois da finalización do estado de alarma, en caso de ser necesaria a presenza na sede xudicial, é indispensable obter cita

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os órganos xudiciais galegos, co obxectivo de evitar desprazamentos innecesarios ás súas sedes, xestionan de forma previa as citas para a cidadanía que precise ser atendida de forma presencial. Para facilitar o proceso ás persoas que teñan que facer uso deste sistema, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), publicou un directorio actualizado na páxina web www.xustiza.gal, no que constan os teléfonos, mails e direccións postais de todos os órganos xudiciais da comunidade, así como dos rexistros civís e das oficinas de atención á cidadanía e á vítima, entre outros servizos de interese.

Tal como se recolle no artigo 23 do Real Decreto-lei 16/2020, do 28 de abril, sobre medidas procesuais e organizativas para facer fronte á crise da COVID-19 no ámbito da Administración de Xustiza, durante o estado de alarma e ata tres meses despois da súa finalización, a atención ao público en calquera sede xudicial ou da fiscalía realizarase de forma preferente por vía telefónica ou a través do correo electrónico. No caso de que se estime que a presenza na sede xudicial é indispensable, será necesaria a obtención de cita previa.