Salir rápido
Pulsa este botón en cualquier momento para abandonar de inmediato esta página
Recuerda borrar tu historial de navegación para no dejar rastro después de informarte
Utilizamos cookies propias y de terceros únicamente para realizar mediciones y análisis estadísticos de la navegación por las diferentes secciones de la página web con la finalidad de mejorar el contenido que ofrecemos. Al hacer click en 'Aceptar todas las cookies', consiente que todas las cookies se guarden en su dispositivo. Para configurarlas o rechazar su uso haga click en el botón 'Configurar Cookies'.
Para más información consulte nuestra política de cookies
Salir rápido
Pulsa este botón en cualquier momento para abandonar de inmediato esta página
Recuerda borrar tu historial de navegación para no dejar rastro después de informarte
A Sala do Social considera acreditado que a compañía atentou contra a súa integridade moral, pero rexeita que vulnerase o seu dereito á integridade física e á honra. Lembra que o dereito á desconexión dixital “esixe que non se reciban comunicacións da empresa fóra do tempo de traballo”, aínda que a persoa traballadora non teña a obriga de responder de xeito inmediato
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condena a unha empresa a indemnizar con 1.500 euros a unha traballadora que recibiu correos electrónicos de forma reiterada fóra do horario de traballo e estando de baixa. Os maxistrados do alto tribunal galego lembran que o dereito á desconexión dixital “esixe que non se reciban comunicacións da empresa fóra do tempo de traballo”, polo que advirten que “non se cumpre con ese dereito polo feito de que a persoa traballadora non teña a obriga de responder as comunicacións recibidas fóra do tempo de traballo de xeito máis ou menos inmediato”. Así, salientan que devandito dereito leva consigo “unha obriga por parte do empregador, e das persoas dependentes ou vinculadas, de abstención nas comunicacións de orde laboral ou vinculadas coa prestación de servizos fóra do tempo de traballo”.
Na sentenza, o TSXG recalca que, ademais, neste caso “o dereito á desconexión dixital está vinculado co dereito fundamental á integridade moral”, pois advirten que “a persoa traballadora recibiu correos electrónicos por parte de persoal da empresa estando en situación de incapacidade temporal”. Desta forma, os xuíces indican que a empresa “non foi garante do seu dereito á desconexión dixital cando estaba fóra do seu tempo de traballo, posto que o contrato estaba en suspenso pola incapacidade temporal”. Ademais, engaden que, a maior abundancia, “a causa da incapacidade temporal era un trastorno de ansiedade e, polo tanto, unha doenza psíquica, o cal agrava a inxerencia no dereito á integridade moral, á vista da intranquilidade que supón recibir correos da empresa durante esa situación de incapacidade temporal”.
“Esa actuación da empresa, incumprindo a obriga de desconexión dixital no caso dunha traballadora en situación de incapacidade temporal, atenta contra a integridade moral, pois cousifica á persoa traballadora e atenta contra a súa dignidade, ao pretender a empresa que a traballadora estea ao seu dispor en calquera momento da súa vida, incluída unha situación de incapacidade temporal, para atender ou polo menos recibir as comunicacións da empresa”, conclúe o TSXG, á vez que destaca que a empresa “non probou a necesidade desas comunicacións” nin “que non fose posible adoptar medidas técnicas para evitar que a demandante recibise eses correos electrónicos, os cales non se circunscribiron ao momento inicial da incapacidade temporal”. Polo tanto, a Sala do Social conclúe que “se vulnerou o dereito fundamental á integridade moral da traballadora, pois recibiu correos electrónicos durante a súa incapacidade temporal sen que a empresa respectase o seu dereito á desconexión dixital”.
O TSXG acolle, en parte, o recurso presentado pola empresa, pois aínda que entende que a vulneración do dereito á integridade moral é “clara”, considera que “non existen indicios da vulneración da integridade física en sentido estrito (art. 15 CE), nin do dereito á honra (art. 18.1 CE), tamén apreciadas na instancia”. Así, explica, en canto ao dereito á integridade física, que “ningunha afectación ou risco significativo consta á vista dos feitos probados” e, sobre o dereito á honra, sinala que “tampouco expresa a sentenza de instancia que existise unha ‘divulgación de expresións ou feitos concernentes a unha persoa que a difamen ou fagan desmerecer na consideración allea ou que afecten negativamente á súa reputación e bo nome’”. A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso de casación.