Carta de dereitos dos cidadáns ante a xustiza
Etiquetas: atención cidadá
I. UNHA XUSTIZA MODERNA E ABERTA AOS CIDADÁNS
- Unha xustiza transparente
- Unha xustiza comprensible
- Unha xustiza atenta co cidadán
- Unha xustiza responsable ante o cidadán
- Unha xustiza áxil e tecnoloxicamente avanzada
II. UNHA XUSTIZA QUE PROTEXE AOS MÁIS DÉBILES
- Protección das vítimas do delito
- Protección dos menores
- Protección dos discapacitados
- Os inmigrantes ante a xustiza
III. UNHA RELACIÓN DE CONFIANZA CON AVOGADOS E PROCURADORES
IV. EFICACIA DA CARTA DE DEREITOS
Nos limiares do século XXI a sociedade española demanda con urxencia unha Xustiza máis aberta que sexa capaz de dar servizo aos cidadáns con maior axilidade, calidade e eficacia, incorporando para tal fin métodos de organización e instrumentos procesuais máis modernos e avanzados. Un proxecto tan ambicioso só pode ser afrontado mediante un amplo acordo de todas as forzas políticas que asegure a unidade e continuidade dos esforzos e garanta o consenso sobre as bases do funcionamento deste Poder do Estado. Tal é, precisamente, o obxecto e finalidade do Pacto de Estado para a Reforma da Xustiza asinado o 28 de maio de 2001.
Entre as prioridades do Pacto de Estado figura a elaboración dunha Carta de Dereitos dos Cidadáns ante a Xustiza que atenda aos principios de transparencia, información e atención axeitada e que estableza os dereitos dos usuarios da Xustiza. Idéntica prioridade atópase no acordo quinto dos adoptados pola Conferencia Sectorial en materia de Administración de Xustiza celebrada en Las Palmas do día 22 de maio de 2001.
A presente Carta foi redactada por un Grupo de Traballo constituído no seo da Comisión de Seguimento do Pacto de Estado, por acordo unánime de todos os seus integrantes, no que interviñeron representantes dos distintos Grupos Parlamentarios e do Ministerio de Xustiza.
Este Grupo recolleu as iniciativas presentadas polas forzas políticas da Cámara, así como as opinións e suxestións das Institucións e organizacións relacionadas coa Administración de Xustiza. Boa parte destas achegas integráronse no contido desta Carta. Coa finalidade de conseguir unha Xustiza moderna e aberta aos cidadáns, a Carta desenvolve na súa primeira parte os principios de transparencia, información e atención adecuada contemplados no Pacto de Estado, destacando a importancia de conseguir unha Administración de Xustiza responsable ante os cidadáns, que poderán formular as súas queixas e suxestións sobre o funcionamento da mesma e esixir, en caso necesario, as reparacións pertinentes.
A segunda parte da Carta céntrase na necesidade de prestar unha especial atención e coidado na relación da Administración de Xustiza con aqueles cidadáns que se atopan máis desprotexidos. En primeiro lugar, a vítima do delito, sobre todo nos supostos de violencia doméstica e de xénero. En segundo termo, os menores de idade, para evitar que se vexa afectado o seu correcto desenvolvemento evolutivo. En terceiro lugar, as persoas que sufran unha discapacidade sensorial, física ou psíquica, para superar os seus problemas de comunicación e acceso aos edificios xudiciais. Finalmente, os estranxeiros inmigrantes en España, aos que se debe asegurar a aplicación dos principios e dereitos recollidos nesta Carta.
A Carta ocúpase na súa terceira parte daqueles dereitos que son característicos da relación do cidadán cos Avogados e Procuradores, resultando especialmente útiles nesta materia as achegas recibidas do Consello Xeral da Avogacía e do Consello Xeral de Colexios de Procuradores dos Tribunais de España.
Finalmente, a Carta de Dereitos conclúe cunha previsión relativa ás condicións necesarias para a súa eficacia. Deste xeito, proclámase a esixencia do cumprimento dos dereitos recoñecidos e a vinculación aos mesmos de Xuíces e Maxistrados, Fiscais, Secretarios Xudiciais, Avogados, Procuradores e demais persoas e Institucións que cooperan coa Administración de Xustiza. Ademais encoméndase á Comisión de Xustiza e Interior do Congreso dos Deputados o seguimento e avaliación do desenvolvemento e cumprimento desta Carta.
I. UNHA XUSTIZA MODERNA E ABERTA AOS CIDADÁNS.
1.- O cidadán ten dereito a recibir información xeneral e actualizada sobre o funcionamento dos xulgados e tribunais e sobre as características e requisitos xenéricos dos distintos procedementos xudiciais.
- Impulsarase a creación e dotación material de Oficinas de Atención ao Cidadán, asegurando a súa implantación en todo o territorio nacional.
- A información sobre os horarios de atención ao público situarase nun lugar claramente visible nas sedes dos órganos xurisdicionais.
2.- O cidadán ten dereito a recibir información transparente sobre o estado, a actividade e os asuntos tramitados e pendentes de todos os órganos xurisdicionais de España.
- O Ministerio de Xustiza e as Comunidades Autónomas con competencias na materia, así como o Consello Xeral do Poder Xudicial canalizarán esta información para facilitar a súa consulta no marco dun plan de transparencia.
3.- O cidadán ten dereito a coñecer o contido actualizado das leis españolas e da Unión Europea mediante un sistema electrónico de datos facilmente accesible.
4.- O cidadán ten dereito a coñecer o contido e estado dos procesos nos que teña interese lexítimo de acordo co disposto nas leis procesuais.
- Os interesados terán acceso aos documentos, libros, arquivos e rexistros xudiciais que non teñan carácter reservado.
- As autoridades e funcionarios exporán por escrito ao cidadán que o solicite os motivos polos que se denega o acceso a unha información de carácter procesual.
5.- O cidadán ten dereito a que as notificacións, citacións, emprazamentos e requirimentos conteñan termos sinxelos e comprensibles, evitándose o emprego de elementos intimidatorios innecesarios.
6.- O cidadán ten dereito a que nas vistas e comparecencias se empregue unha linguaxe que, respectando as esixencias técnicas necesarias, resulte comprensible para os cidadáns que non sexan especialistas en dereito.
- Os Xuíces e Maxistrados que dirixan os actos procesuais velarán polo cumprimento deste dereito.
7.- O cidadán ten dereito a que as sentencias e demais resolucións xudiciais se redacten de tal forma que sexan comprensibles polos seus destinatarios, empregando unha sintaxe e estrutura sinxelas, sen prexuízo do seu rigor técnico.
- Deberase facilitar especialmente o exercicio destes dereitos naqueles procedementos nos que non sexa obrigatoria a intervención de Avogado e Procurador.
8.- O cidadán ten dereito a dispoñer gratuitamente dos formularios necesarios para o exercicio dos seus dereitos ante os tribunais cando non sexa preceptiva a intervención de Avogado e Procurador.
Unha xustiza atenta co cidadán.
9.- O cidadán ten dereito a ser atendido de forma respectuosa e adaptada ás súas circunstancias psicolóxicas, sociais e culturais.
10.- O cidadán ten dereito a esixir que as actuacións xudiciais nas que resulte preceptiva a súa comparecencia se celebren coa máxima puntualidade. O Xuíz ou o Secretario Xudicial deberá informar ao cidadán sobre as razóns do retraso ou da suspensión de calquera actuación procesual á que estivese convocado.
- A suspensión comunicarase ao cidadán, salvo causa de forza maior, con antelación suficiente para evitar o seu desprazamento.
11.- O cidadán ten dereito a que a súa comparecencia persoal ante un órgano da Administración de Xustiza resulte o menos gravosa posible.
- A comparecencia dos cidadáns ante os órganos xurisdicionais só poderá ser esixida cando sexa estritamente indispensable conforme á Lei.
- Procurarase sempre concentrar nun só día as distintas actuacións que esixan a comparecencia dunha persoa ante un mesmo órgano xudicial.
- Tramitaranse con preferencia e máxima celeridade as indemnizacións económicas que lle corresponda percibir ao cidadán polos desprazamentos para acudir a unha actuación xudicial.
- As dependencias xudiciais accesibles ao público, como son as zonas de espera, salas de vistas ou clínicas médico-forenses, deberán reunir as condicións e servizos necesarios para asegurar unha correcta atención ao cidadán.
12.- O cidadán ten dereito a ser adecuadamente protexido cando declare como testemuña ou colabore de calquera outra forma coa Administración de Xustiza.
13.- O cidadán ten dereito a coñecer a identidade e categoría da autoridade ou funcionario que o atenda, salvo cando estea xustificado por razóns de seguridade en causas criminais.
- Os datos figurarán nun lugar facilmente visible do posto de traballo.
- Quen responda por teléfono ou quen realice unha comunicación por vía telemática deberá en todo caso identificarse ante o cidadán.
14.- O cidadán ten dereito a ser atendido persoalmente polo Xuíz ou polo Secretario Xudicial respecto a calquera incidencia relacionada co funcionamento do órgano xudicial.
- As declaracións e testemuños, os xuízos e vistas, así como as comparecencias que teñan por obxecto escoitar ás partes antes de ditar unha resolución, celebraranse sempre con presenza de Xuíz ou Tribunal de acordo co previsto nas leis.
15.- O cidadán ten dereito a ser atendido en horario de mañá e tarde nas dependencias xudiciais daqueles órganos nos que, pola súa natureza ou volume de asuntos, resulte necesario e nos termos legalmente previstos.
16.- O cidadán ten dereito a empregar coa Administración de Xustiza do territorio da súa Comunidade a lingua oficial que escolla, e a ser atendido nos termos establecidos pola Lei Orgánica do Poder Xudicial, e os Estatutos de Autonomía e as súas normas de desenvolvemento.
Unha xustiza responsable ante o cidadán.
17.- O cidadán ten dereito a formular reclamacións, queixas e suxestións relativas ao incorrecto funcionamento da Administración de Xustiza, así como a recibir resposta ás mesmas coa maior celeridade e, en todo caso, dentro do prazo dun mes.
- Poderá presentar as queixas e suxestións ante o propio Xulgado ou Tribunal, os seus órganos de goberno, as Oficinas de Atención ao Cidadán, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza e, no seu caso, ante as Administracións das Comunidades Autónomas.
- As Administracións Públicas competentes implantarán sistemas para garantir o exercicio deste dereito por vía telemática.
- En todas as dependencias da Administración de Xustiza estarán a disposición do cidadán, en lugar visible e suficientemente indicado, os formularios necesarios para exercer este dereito.
18.- O cidadán ten dereito a esixir responsabilidades por erro xudicial ou polo funcionamento anormal da Administración de Xustiza.
- Os danos causados en calquera ben ou dereito dos cidadáns darán lugar a unha indemnización que poderá ser reclamada polo prexudicado segundo o disposto na Lei.
- As reclamacións indemnizatorias tramitaranse con preferencia e celeridade.
Unha xustiza áxil e tecnoloxicamente avanzada.
19.- O cidadán ten dereito a unha tramitación áxil dos asuntos que lle afecten, que deberán resolverse dentro do prazo legal, e a coñecer, no seu caso, o motivo concreto do retraso.
- O Ministerio de Xustiza e o Consello Xeral do Poder Xudicial elaborarán un programa de previsións coa duración debida dos distintos procedementos en todas as ordes xurisdicionais, ao que se lle dará unha ampla difusión pública.
20.- O cidadán ten dereito a que non se lle esixa a achega de documentos que obren en poder das Administracións Públicas, salvo que as leis procesuais expresamente o requiran.
21.- O cidadán ten dereito a comunicarse coa Administración de Xustiza a través do correo electrónico, videoconferencia e outros medios telemáticos segundo o disposto nas leis procesuais.
- Os poderes públicos impulsarán o emprego e aplicación destes medios no desenvolvemento da actividade da Administración de Xustiza así como nas relacións desta cos cidadáns.
- Os documentos emitidos polos órganos da Administración de Xustiza e polos particulares a través de medios electrónicos e telemáticos, en soportes de calquera natureza, terán plena validez e eficacia sempre que quede acreditada a súa integridade e autenticidade de conformidade cos requisitos esixidos nas leis.
II. UNHA XUSTIZA QUE PROTEXE AOS MÁIS DÉBILES
Protección das vítimas do delito.
22.- O cidadán que sexa vítima dun delito ten dereito a ser informado con claridade sobre a súa intervención no proceso penal, as posibilidades de obter a reparación do dano sufrido, así como sobre o curso do proceso.
- Asegurarase que a vítima teña un coñecemento efectivo daquelas resolucións que afecten á súa seguridade, sobre todo nos casos de violencia dentro da familia.
- Potenciaranse os cometidos das Oficinas de Atención á Vítima e ampliaranse as súas funcións buscando un servizo integral ao cidadán afectado polo delito, asegurando que presten servizo en todo o territorio nacional.
23.- O cidadán que sexa vítima dun delito ten dereito a que a súa comparecencia persoal ante un Xulgado ou Tribunal teña lugar de forma adecuada á súa dignidade e preservando a súa intimidade.
- Adoptaranse as medidas necesarias para que a vítima non coincida co agresor cando os dous se atopen en dependencias xudiciais á espera da práctica de calquera actuación procesual.
- As autoridades e funcionarios velarán especialmente pola eficacia deste dereito nos supostos de violencia doméstica ou de xénero, outorgando ás vítimas o amparo que necesiten.
24.- O cidadán que sexa vítima dun delito ten dereito a ser protexido de forma inmediata e efectiva polos Xulgados e Tribunais, especialmente fronte ao que exerce violencia física ou psíquica no ámbito familiar.
- Facilitarase o emprego daqueles medios técnicos que resulten necesarios para a debida protección da vítima, como son os instrumentos de localización de persoas, os mecanismos de teleasistencia e outros similares.
25.- O cidadán que sexa vítima dun delito ten dereito a ser protexido fronte á publicidade non desexada sobre a súa vida privada en toda clase de actuacións xudiciais.
- Os Xuíces e Maxistrados, así como o Ministerio Fiscal, velarán polo adecuado exercicio deste dereito.
26.- O menor de idade ten dereito a que a súa comparecencia ante os órganos xudiciais teña lugar de forma adecuada á súa situación e desenvolvemento evolutivo.
- Para o cumprimento deste dereito poderán empregarse elementos técnicos tales como circuítos pechados de televisión, videoconferencia ou similares.
- Procurarase evitar a reiteración das comparecencias do menor ante os órganos da Administración de Xustiza.
27.- O menor de idade que teña suficiente xuízo ten dereito a ser oído en todo proceso xudicial no que estea directamente implicado e que conduza a unha decisión que afecte á súa esfera persoal, familiar ou social, así como a que as distintas actuacións xudiciais se practiquen en condicións que garantan a comprensión do seu contido.
- O Ministerio Fiscal velará pola efectividade deste dereito, prestando ao menor a asistencia que necesite.
28.- O menor de idade ten dereito a que as autoridades e funcionarios da Administración de Xustiza garden a debida reserva obre as actuacións relacionadas con eles, que en todo caso deberán practicarse de xeito que se preserve a súa intimidade e o dereito á súa propia imaxe.
Protección dos discapacitados.
29.- O cidadán afectado por calquera tipo de discapacidade sensorial, física ou psíquica, poderá exercitar con plenitude os dereitos recoñecidos nesta Carta e nas leis procesuais.
- Só deberá comparecer ante o órgano xudicial cando resulte estritamente necesario conforme á Lei.
- Os edificios xudiciais deberán estar provistos daqueles servizos auxiliares que faciliten o acceso e a estancia nos mesmos.
30.- O cidadán xordo, mudo, así como o que sufra discapacidade visual ou cegueira, ten dereito á utilización dun intérprete de signos ou daqueles medios tecnolóxicos que permitan tanto obter de forma comprensible a información solicitada, como a práctica adecuada dos actos de comunicación e outras actuacións procesuais nas que participen.
- Promoverase o emprego de medios técnicos como son os videotextos, teléfonos de texto, sistema de tradución de documentos a braille, gravación sonora ou similares.
- Comprobarase con especial coidado que o acto de comunicación chegou a coñecemento efectivo do seu destinatario e, no seu caso, procederase á lectura en voz alta do contido do acto.
Os inmigrantes ante a xustiza.
31.- O estranxeiro ten dereito a ser atendido por todos os que prestan os seus servizos na Administración de Xustiza de acordo co establecido nesta Carta e sen sufrir discriminación ningunha por razón da súa raza, lingua, relixión ou crenzas, particularmente cando se trate de menores de idade e conforme ao disposto polos convenios internacionais ratificados por España.
- Garantirase o uso de intérprete cando o estranxeiro que non coñeza o castelán nin, no seu caso, a lingua oficial propia da Comunidade Autónoma, tivese que ser interrogado ou prestar algunha declaración, ou cando fose preciso darlle a coñecer persoalmente algunha resolución.
32.- Os estranxeiros inmigrantes en España teñen dereito a recibir unha protección adecuada da Administración de Xustiza co obxecto de asegurar que comprenden o significado e transcendencia xurídica das actuacións procesuais nas que interveñan por calquera causa.
- Os Xuíces e Tribunais así como o Ministerio Fiscal velarán en todo momento polo cumprimento deste dereito.
III. UNHA RELACIÓN DE CONFIANZA CON AVOGADOS E PROCURADORES.
Unha conduta deontoloxicamente correcta.
33.- O cidadán ten dereito á prestación dun servizo profesional de calidade por parte do Avogado no cumprimento da misión de defensa que lle encomende, así como polo Procurador na representación dos seus intereses ante os órganos xurisdicionais.
34.- O cidadán ten dereito a denunciar ante os Colexios de Avogados ou de Procuradores as condutas contrarias á deontoloxía profesional e a coñecer a través dunha resolución suficientemente motivada o resultado da denuncia.
35.- O cidadán ten dereito a coñecer, a través do Colexio Profesional correspondente, se un Avogado ou Procurador foi obxecto dalgunha sanción disciplinaria, non cancelada, por algunha actuación profesional.
- Os Colexios respectivos establecerán un sistema para que o cidadán poida coñecer de forma efectiva as sancións disciplinarias, non canceladas, impostas a un profesional en todo o territorio nacional.
36.- O cidadán ten dereito a que os profesionais que o representen, asesoren ou defendan garden rigoroso secreto de canto lles revelen ou confíen no exercicio destas funcións.
37.- O cidadán ten dereito a coñecer anticipadamente o custo aproximado da intervención do profesional elixido e a forma de pagamento.
- Os Avogados e Procuradores estarán obrigados a entregar ao seu cliente un orzamento previo que conteña os anteriores extremos. A estes efectos regularase adecuadamente e fomentará o emprego das follas de encargo profesional.
- O cliente poderá esixir ao seu Procurador rendición de contas detalladas dos asuntos encomendados.
38.- O cidadán ten dereito a obter do Avogado e Procurador información precisa e detallada sobre o estado do procedemento e das resolucións que se diten.
- O profesional deberá entregar ao seu cliente copia de todos os escritos que presente e de todas as resolucións xudiciais relevantes que lle sexan notificadas.
- O cidadán poderá consultar co seu Avogado as consecuencias de toda actuación ante un órgano xurisdicional.
- Potenciaranse os Servizos de Orientación Xurídica, dependentes dos Colexios de Avogados, que ampliarán as súas funcións para informar ao cidadán sobre os seus dereitos na relación de confianza co seu Avogado.
39.- O cidadán ten dereito a ser informado polo seu Avogado e polo seu Procurador, con carácter previo ao exercicio de calquera pretensión ante un órgano xudicial, sobre as consecuencias de ser condenado ao pagamento das custas do proceso e sobre a súa contía estimada.
- Os respectivos Colexios profesionais elaborarán un estudio de previsións sobre a contía media aproximada das custas de cada proceso, dependendo tanto do tipo de procedemento como da súa complexidade, que será actualizada periodicamente.
Unha xustiza gratuíta de calidade.
40.- O cidadán ten dereito a ser asesorado e defendido gratuitamente por un Avogado suficientemente cualificado e a ser representado por un Procurador cando teña legalmente dereito á asistencia xurídica gratuíta.
- Os Colexios respectivos velarán polo correcto desenvolvemento da súa función por parte do profesional designado.
41.- O cidadán ten dereito a esixir unha formación de calidade ao profesional designado pola quenda de oficio nos supostos de asistencia xurídica gratuíta.
- Os Colexios de Avogados adoptarán as medidas adecuadas para asegurar o cumprimento deste dereito.
IV. EFICACIA DA CARTA DE DEREITOS.
1.- Os cidadáns teñen dereito a esixir o cumprimento dos dereitos recoñecidos nesta Carta. Estarán vinculados a ela Xuíces e Maxistrados, Fiscais, Secretarios Xudiciais, médicos forenses, funcionarios públicos, Avogados, Procuradores e demais persoas e Institucións que cooperan coa Administración de Xustiza.
2.- O Ministerio de Xustiza e as Comunidades Autónomas con competencias na materia, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Xeral do Estado e os Colexios profesionais competentes adoptarán as disposicións oportunas e proverán os medios necesarios para garantir a efectividade e o pleno respecto dos dereitos recoñecidos nesta Carta.
3.- O Congreso dos Deputados, a través da Comisión de Xustiza e Interior, levará a cabo un seguimento e avaliación permanente do desenvolvemento e cumprimento desta Carta, a cuxo efecto será regularmente informado polo Goberno e os Órganos do Estado e Institucións públicas aos que se solicite. A memoria anual elevada polo CGPJ ás Cortes Xerais incluirá unha referencia específica e suficientemente detallada ás queixas, reclamacións e suxestións formuladas polos cidadáns sobre o funcionamento da Administración de Xustiza.