O TSXG confirma os 16 anos de cárcere para dous acusados de asasinar a un mozo en Ourense botándoo a unha canle

O Tribunal do Xurado considerou culpables de asasinato os acusados do coñecido como crime da Esmorga

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a condena de 16 anos de cárcere imposto a cada un dos dous acusados de darlle unha malleira a un mozo en decembro de 2014 e botalo vivo a unha canle, o que provocou que fose arrastrado pola corrente e falecese na auga. O Tribunal do Xurado considerou culpables de asasinato os acusados do coñecido como crime da Esmorga. O Superior indica na resolución que “nin existen defectos na proposición do obxecto do veredicto nin hai motivos que puidesen dar lugar á devolución da acta ao xurado”.

Ademais, os maxistrados do alto tribunal galego destacan que a sentenza “razoa adecuadamente” a conclusión de que “en ningún momento houbo unha parada naquel lugar de maneira accidental, senón que obedecía ao desenvolvemento do plan que ambos os acusados previamente tramaran”. O TSXG fai referencia ás palabras da muller dun dos condenados, quen atribuíu “de maneira inmediata” unha morte, en principio de persoa non identificada, á actuación conxunta de ambos acusados. “Evidentemente, esas palabras carecen de sentido se previamente non tivese coñecemento de tal acordo, da intención conxunta de ambos de acabar coa vida da vítima”, recalcan os xuíces.

“A conclusión alcanzada, xa que logo, é perfectamente razoable, acomódase a elementais regras da experiencia e de ningún xeito pode ser tachada de absurda ou arbitraria desde a consideración do testemuño de referencia”, argumentan os xuíces da Sala do Civil e Penal, os cales insisten en que “non hai tacha ningunha ás conclusións obtidas polo tribunal, á marxe de que puidesen existir ou non outras versións igualmente posibles”.

“É parecer da Sala que o tribunal contou con suficiente proba de cargo, valorouna debidamente, foi practicada con respecto aos principios legais e constitucionais do proceso e, en definitiva, todo o razoamento se atopa acomodado á lóxica e ás máximas da experiencia”, sinala o TSXG.

Sobre as alegacións do acusado considerado cooperador necesario para cometer o crime, o alto tribunal galego recalca que “nada fixo para impedir que a vítima fose fatalmente tirada á canle do río Viñao”. A sentenza recorrida considera que o outro condenado é o único que agrediu o falecido e o botou ao río, pero iso “no eclipsa a responsabilidade do recorrente a título de autor”, argumentan os maxistrados do TSXG, os cales lembran que “para fundamentar esta afirmación o tribunal se apoia na existencia do acordo previo e na condución do vehículo, polo que realiza unha achega obxectiva e causal para a execución do plan criminal”. Por iso, inciden en que a “contribución causal” do condenado é “absolutamente relevante”.