O TSXG condena ao Sergas a indemnizar con 9.000 euros a un doente porque accederon de forma indebida ao seu historial clínico

Autor
Comunicación Poder Judicial

27/12/2023.- A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a indemnizar con 9.000 euros a un auxiliar administrativo do Sergas, quen desempeñaba o seu traballo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), por deficiente funcionamento dos seus servizos públicos, debido a que o 25 de setembro de 2019 accederon de forma indebida ao seu historial clínico. A Sala considera probado que “unha ou varias persoas que non puideron ser identificadas accederon ao seu historial clínico utilizando a tarxeta e número de PIN persoal do xefe daquel servizo, que, ao parecer, a deixaba introducida e activada, de modo permanente, no computador, sendo o PIN coñecido pola maior parte dos traballadores do servizo”.

Desta forma, acolleu o recurso de apelación interposto polo afectado e revogou a sentenza apelada, ditada polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Santiago de Compostela, a cal fixou a indemnización en 5.000 euros. O tribunal explica na resolución que considera insuficiente esa cantidade para reparar o dano producido, “máxime cando a Administración non esgotou a investigación a que viña obrigada pola reprobable actitude do xefe de servizo e da persoa ou persoas que accederon indebidamente ao historial clínico do actor, o que non resultaría difícil, dado o escaso número de traballadores no servizo”. Por iso, explica que considera “máis axustada á gravidade do feito, á sorprendente postura da Administración, tratando de xustificar o inxustificable, ao dano moral producido ao actor e á difusión dos seus datos médicos ilexítimamente obtidos, fixar unha indemnización, por todos os conceptos, incluídos intereses legais, por importe de 9.000 euros”.