A Audiencia da Coruña declara que as referencias a Galicia en latas de mexillóns alleas á Denominación de Orixe Protexida infrinxen o seu dereito de exclusiva

Condena a unha empresa a retirar do tráfico económico produtos, embalaxes ou material publicitario

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección cuarta da Audiencia Provincial da Coruña acolleu parcialmente a demanda interposta polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mejillón de Galicia-Mexillón de Galicia contra unha empresa. O tribunal declarou na sentenza que o emprego da indicación “Das Rías Galegas” nos envases de conservas de mexillón e na comercialización das mesmas, así como as referencias a Galicia na oferta e comercialización de mexillóns por parte da demandada, infrinxe por evocación o dereito de exclusiva que a titularidade da denominación de orixe confire e incorre na conduta prohibida prevista no apartado b) do parágrafo 1 do artigo 13 do Regulamento (UE) 1151/2012. Por iso, condenou á entidade demandada a cesar no uso infractor descrito e a retirar do tráfico económico os produtos, embalaxes, material publicitario ou calquera outro documento comercial da súa propiedade ou baixo o seu control no que se materialice a infracción. 

O tribunal explica na resolución que o apartado relativo aos mexillóns en conserva que elabora e comercializa a demandada se encabeza na súa páxina web co texto: “Só o mexillón galego de Arousa (Mytilus galloprovincialis) que crece nos viveiros propiedade destes conserveiros é o que se utiliza para elaborar as delicatessen da casa”. A Audiencia asegura que “se trata dunha evocación da calidade e o esforzo que a denominación de orixe Mejillón de Galicia-Mexillón de Galicia ampara en beneficio dos produtores comprometidos con ela e dos consumidores que confían no valor informativo que a denominación protexida encerra”. Por iso, afirma que a empresa demandada incorre na prohibición de evocación do apartado b) do artigo 13.1 do Regulamento (UE) 1151/2012. 

A Sala concreta que a conduta infractora é a “consistente en comercializar como mexillóns de Galicia os non amparados pola DOP, aínda cando procedan dun produtor que, como é o caso do demandado, está radicado na mesma zona xeográfica que acouta o Regulamento da DOP”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.