A Sala do Social do TSXG declárase incompetente para xulgar as novas normas da Xunta sobre limpeza en centros educativos

Rexeita a demanda de conflito colectivo da CIG ao considerar que as medidas regulan “as condicións de hixiene” por mor da COVID-19, non as laborais

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou, ao apreciar falta de xurisdición, a demanda presentada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) contra a Xunta, á que acusaba de ter realizado unha “modificación substancial” das condicións de traballo do persoal de limpeza dos centros educativos como consecuencia da crise da COVID-19. “Consideramos que non somos competentes para coñecer dunha demanda como a presente, pois nela trátase de impugnar unha norma de eficacia xeral”, destacan os xuíces na sentenza, na que explican que as medidas relativas á limpeza dos centros se adoptaron “como exercicio do poder administrativo/executivo, non como reflexo do poder dun empregador”.

A Sala entende que con elas a Xunta busca “establecer uns parámetros de sanidade, ao regular non as condicións laborais do persoal de limpeza, senón as condicións de limpeza e hixiene nos centros educativos”. O tribunal asegura, polo tanto, que as ordes contidas nas resolucións da Xunta impugnadas “non son disposicións empresariais, senón disposicións normativas, isto é, normas de obrigatorio cumprimento”. Ademais, engade que se dirixen “non só aos propios traballadores da Consellería de Educación, senón tamén aos dos centros concertados, ás empresas concesionarias adxudicatarias do servizo de limpeza en centros públicos e aos dos concellos”. Para os maxistrados, todo iso “pon de relevo que as resolucións impugnadas, pola súa vocación e aplicación xeneralizada, son produto da consellería como autoridade educativo-sanitaria e, polo tanto, normas e non meras decisións empresariais”.