Absolto o alcalde de Abegondo, acusado de permitir construír máis de 50 vivendas en chan rústico

Do delito continuado contra a ordenación do territorio do que foi acusado pola Fiscalía pola construción de vivendas en chan rústico entre 2002 e 2007 en Limiñón

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Penal número 2 da Coruña absolveu ao alcalde de Abegondo, José Antonio S.M., do delito continuado contra a ordenación do territorio do que foi acusado pola Fiscalía pola construción de vivendas en chan rústico entre 2002 e 2007 en Limiñón. O maxistrado sentenciou como autores dese delito -contra a ordenación do territorio- ao ex alcalde de Abegondo Juan José R. e a tres técnicos municipais. Ao ex rexedor impúxolle oito anos de inhabilitación especial para o exercicio de todo cargo ou emprego público relacionado coa construción.

A un dos arquitectos condenouno a dous anos de prisión e a dez de inhabilitación para cargo ou emprego público relacionado co urbanismo; e aos outros dous técnicos, a sete e oito anos, respectivamente, de inhabilitación para o exercicio de todo emprego público ou cargo relacionado coa construción.

O xuíz declara tamén a "ilegalidade" de todas as licenzas que se trataron neste procedemento penal e deixa en mans da xurisdición Contencioso-administrativa a decisión sobre a derriba dos inmobles ou a reposición da legalidade. A sentenza, con todo, ordena ao arquitecto inhabilitado durante dez anos a derrubar, por conta propia, a casa que ten na zona, pois destaca que "participou no procedemento e tivo ocasión de defender a legalidade da súa vivenda".

"No caso que se resolve, o exposto xustifica non só a sanción penal, senón que a impón, pois basta contemplar as imaxes aéreas das urbanizacións deseñadas e consentidas polos acusados para advertir que o patrimonio paisaxístico de Abegondo quedou seriamente danado. Non se trata dunha vivenda ou dous ilegais e ilegalizables", sinala o maxistrado do Xulgado do Penal nº2 na sentenza, na que especifica que "se trata de máis de cincuenta licencias en diferentes actuacións, e algunhas leiras máis tamén afectadas". O maxistrado recalca que "zonas enteiras do municipio" foron "convertidas nunha arbitraria e irracional dispersión de edificacións, co resultado dun feísmo agravado e unha caótica e posiblemente irreparable urbanización do Concello".