O TSXG recoñece por primeira vez o dereito dos traballadores a gozar de permisos para asistir a técnicas de preparación ao parto

O alto tribunal galego avalou unha sentenza emitida polo Xulgado do Social número 4 de Vigo na cal se dá a razón a un demandante deste dereito, representante legal do persoal dunha empresa

Autor
Comunicación Poder Judicial

.- A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou, por primeira vez, o dereito dos traballadores a gozar de permisos retribuídos para asistir a técnicas de preparación ao parto. Desta forma, o alto tribunal galego avalou unha sentenza emitida polo Xulgado do Social número 4 de Vigo na cal se dá a razón a un demandante deste dereito, representante legal do persoal dunha empresa. 

A resolución de primeira instancia, con todo, non recoñece aos homes o permiso para acudir a exames prenatais, tamén solicitado polo demandante. O TSXG coincide “co acertado criterio da xulgadora de instancia” de non estender este permiso aos traballadores homes e demais persoas proxenitoras que non son xestantes. Polo tanto, rexeitou o recurso interposto polo representante legal do persoal da empresa contra a sentenza do Xulgado do Social número 4 de Vigo, no que demandaba que tamén se lle recoñecese o permiso para exames prenatais. 

A Sala do Social do TSXG indica na resolución que está de acordo coa argumentación da xulgadora de primeira instancia, quen considera que ambos os permisos son, na súa orixe, na Lei de Prevención de Riscos Laborais de 1995, exclusivamente femininos, pero destaca que “a evolución normativa, xurisprudencial e doutrinal acaecida desde entón” lle fai chegar á conclusión de que o permiso para técnicas de preparación ao parto “debe ser estendido aos traballadores homes, pois noutro caso sería discriminatorio por razón de sexo, en aplicación da doutrina contida na sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TJUE) do 30 de setembro de 2010, Caso Roca Álvarez, C-104/09”. 

Os maxistrados do alto tribunal galego avalan a diferenza entre un permiso e outro, pois salientan que o permiso para exames prenatais “é un dereito de maternidade que, en atención á habilitación concedida na Directiva 92/85 da Comunidade Europea, se pode recoñecer só ás mulleres embarazadas, e nestes termos recoñeceuse na Lei de Prevención de Riscos Laborais, o Estatuto do Traballador e o Estatuto Básico do Empregado Público”. E, respecto ao permiso para asistir a técnicas de preparación ao parto, afirman que “non atopa habilitación para o seu carácter sexuado na Directiva 92/85 da Comunidade Europea”, polo que conclúen, en base á doutrina Roca Álvarez, que é “un dereito de conciliación que, como tal, non pode ter carácter sexuado, so incumprir a prohibición de discriminación”. 

O TSXG explica, en canto ao permiso para exames prenatais, que o artigo 9 da Directiva 92/85 da Comunidade Europea é “claro no sentido de recoñecer o dereito só ás traballadoras xestantes”. A Sala incide en que, no dereito interno, “tamén o son o artigo 25.5 da Lei de Prevención de Riscos Laborais e o artigo 48.e) do Estatuto Básico do Empregado Público”. Ademais, asegura que “en todas as normas de referencia o permiso se recoñece soamente `para a realización de exames prenatais´, non `para acompañar na realización de exames prenatais´”.

A Sala do Social engade na sentenza, respecto aos permisos para técnicas de preparación ao parto, que “a propia redacción das normas non exclúe aos traballadores pais e demais persoas non xestantes, pois, mentres que obviamente estes non poden ser sometidos a permisos prenatais, si poden asistir ás técnicas de preparación ao parto, e desde a perspectiva do bo fin do proceso de maternidade/xestación, iso adoita ser saudable recomendación”. A resolución non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.