O TSXG confirma a absolución dun home xulgado por atropelar mortalmente a un veciño en Cedeira (A Coruña)
- Autor
- Comunicación Poder Judicial
A Sala do Civil e Penal do TSXG confirma a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que, seguindo o veredicto do xurado popular, entendeu como non culpable a un home xulgado por atropelar mortalmente a un veciño en Cedeira co que mantiña unha certa inimizade.
O xurado considerou probado no seu momento que o condutor, no momento de cometer o atropelo, ignoraba a identidade do peón que camiñaba pola calzada, un home quen denunciara ao acusado en múltiples ocasións. Concluíu tamén que "no momento do accidente tentou evitar o atropelo dando un volantazo á esquerda no mesmo momento de producirse, chegando a invadir o carril contrario".
A Fiscalía recorreu a sentenza e pediu a condena do acusado por un delito de homicidio por imprudencia grave, pero a Sala desestimou as súas pretensións. Entenden os maxistrados do TSXG que "as referencias á patoloxía ocular do acusado son moi imprecisas e non se abundou niso como feito integrante da conduta imprudente", así como que "a súa condución non foi manifesta e gravemente desatenta".