A Audiencia Provincial de Ourense rebaixa nun ano unha condena por un intento de agresión sexual, en aplicación da nova lei

A Audiencia sinala que a pena de tres anos e medio imposta polo TSXG ao sospeitoso se extinguiría o 12 de febreiro de 2023, polo que tras a revisión decretou a súa posta en liberdade

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Audiencia Provincial de Ourense, no marco da execución dunha sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), decidiu, tras a reforma introducida pola Lei 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual, e de acordo co criterio da Fiscalía, revisar a condena de tres anos e medio de cárcere imposta ao autor dun delito tentado de agresión sexual con acceso carnal. Tras a revisión, o tribunal impúxolle dous anos e medio de prisión e acordou a súa posta en liberdade. 

No auto, os xuíces explican que a condena que revisaron, establecida polo TSXG nunha sentenza ditada en xuño de 2018 -confirmada polo Supremo en maio de 2019-, foi imposta pola comisión dun delito de agresión sexual en grao de tentativa do artigo 179 do Código penal, para o que se establecía un castigo de entre tres e seis anos de cárcere. Tras a reforma introducida pola Lei 10/2022, o castigo para este delito, segundo o auto, é de entre dous e catro anos de prisión.  

A Audiencia Provincial de Ourense sinala que o TSXG acordou na resolución impoñerlle ao acusado a pena inferior en grao establecida para ese delito, fixándoa en tres anos e seis meses, é dicir, “próxima ao mínimo legal” de tres anos. Os maxistrados conclúen no auto que, con arranxo ao novo código, “non se lle imporía a pena de tres anos e seis meses, tan próxima ao límite máximo (catro anos), nin atendendo ao principio de proporcionalidade a que debe atender toda resolución xudicial, nin atendendo ás regras de individualización penal, porque practicamente está situada no máximo legal actualmente permitido”. Por este motivo, a Sala acordou a rebaixa da condena. 

A Audiencia sinala que a pena de tres anos e medio imposta polo TSXG ao sospeitoso se extinguiría o 12 de febreiro de 2023, polo que tras a revisión decretou a súa posta en liberdade. O tribunal afirma que a Lei 10/2022 de garantía integral da liberdade sexual “non contempla previsión normativa algunha relativa á revisión das sentenzas firmes”, polo que considera que se debe aplicar o artigo 2.2 do Código penal, “que senta a retroactividade das leis penais que favorezan ao reo, aínda que ao entrar en vigor recaese sentenza firme e o suxeito estivese a cumprir condena”. Contra o auto cabe interpoñer recurso de súplica.