A xuíza ordena o precinto de todo o entarimado da zona onde se produciu o accidente de O Marisquiño

A titular do xulgado acordou a realización de periciais e que se solicite documentación

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución nº3 de Vigo, en funcións de garda cando se produciu o accidente no peche do festival O Marisquiño, fíxose cargo da investigación aberta para esclarecer os motivos do afundimento do peirao e as eventuais responsabilidades que se poidan derivar destes feitos. As dilixencias previas incoadas tras recibir un oficio dando conta do sucedido e un informe fotográfico elaborado pola Policía Nacional, séguense por un presunto delito de lesións imprudentes, sen prexuízo de ulteriores cualificacións ao longo da instrución. Para unha mellor e máis áxil tramitación da causa, o xulgado decidiu que se abra unha peza separada por cada un dos prexudicados.

A comisión xudicial, formada pola Maxistrada titular do xulgado, a Letrada da Administración de Xustiza e un membro do Ministerio Fiscal, constituíuse onte pola tarde na zona do suceso para realizar unha inspección ocular. Tras a mesma, a xuíza ordenou non só o precinto da zona que veu abaixo, senón de todo o entarimado por motivos de seguridade. Tan só permanece aberta ao paso unha pequena zona que dá acceso aos pantaláns e que non supón risco para o público.

A xuíza acordou que tanto policía científica como xudicial realicen as tarefas necesarias para o esclarecemento dos feitos. Entre estas dilixencias atópase a realización de periciais e solicitar diferente documentación de Concello e Porto, así como do organizador do evento, en especial sobre o plan de seguridade.