O TSXG avala a catalogación da Lanzada como praia natural porque forma parte dun espazo protexido

Os maxistrados así o indican nunha sentenza na que rexeitan a demanda do Instituto de Estudos Portuarios, Marítimos e Costeiros, que solicitaba que a praia fose catalogada como urbana por estar dotada de acceso peonil e rodado, subministración de auga potable, enerxía eléctrica e rede de sumidoiros

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avala a catalogación, por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, da praia da Lanzada como natural ao entender que todo o areal se atopa dentro da rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade -Rede Natura 2000-. Os maxistrados así o indican nunha sentenza na que rexeitan a demanda do Instituto de Estudos Portuarios, Marítimos e Costeiros, que solicitaba que a praia fose catalogada como urbana por estar dotada de acceso peonil e rodado, subministración de auga potable, enerxía eléctrica e rede de sumidoiros. 

O alto tribunal non comparte esa argumentación porque o areal está integrado en dous espazos naturais protexidos: unha Zona Especial de Conservación da Natureza -complexo Ons-O Grove- e unha Zona de Especial Protección para as Aves -complexo intermareal Umia-O Grove-, que forman parte da Rede Natura 2000. Ademais, salienta na resolución, contra a que cabe presentar recurso, que á hora de catalogar A Lanzada xa se tivo en conta “a existencia de tramos dentro da mesma praia”, incluso os dotados con servizos. 

“Sexa cal sexa a clase de chan e a entidade urbana das zonas limítrofes, se unha praia forma parte dun espazo protexido, se clasifica como natural. De forma que se trata dunha categorización motivada, non se pode considerar arbitraria”, destaca o TSXG, á vez que recalca que se respectaron os criterios do Regulamento Xeral de Costas. Desta forma, conclúe que “a totalidade da praia está integrada na Rede Natura 2000, non só o espazo externo que pretende a entidade demandante, e incluída en dous espazos naturais protexidos”. 

Ao estar todo o areal dentro da Rede Natura 2000, segundo os xuíces, “non procede diferenciar tramos na forma pretendida, nin clasificar tramos de urbano porque dispoñan dalgún servizo, en especial no verán”. Os maxistrados aseguran que a catalogación, por tanto, “axústase á realidade”.