O Xulgado ordena o desaloxamento forzoso dunha vivenda okupada en Oleiros

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 3 da Coruña acordou o desaloxamento forzoso, que foi realizado hoxe sen incidentes, das persoas que okupaban unha vivenda situada na avenida das Mariñas, en Perillo (Oleiros). No auto, a maxistrada ordénalle á Garda Civil que, “cos medios ao seu alcance”, procedese ao lanzamento e desaloxo do inmoble, “reestablecendo a situación anterior a esa okupación”. A instrutora destaca que esta medida resulta “necesaria para evitar que a situación de okupación ilexítima perdure máis no tempo”. Ademais, salienta que está “encamiñada a protexer o dereito á inviolabilidade do domicilio”.

“Tendo en conta que os denunciantes foron desposuídos do uso da súa vivenda por terceiras persoas que carecerían de autorización para residir nela, débese acordar o desaloxamento forzoso”, conclúe a instrutora, á vez que destaca que en días anteriores á okupación os denunciados “desaloxaron voluntariamente outra vivenda, tras un pago do seu propietario, co que demostran unha habitualidade e reiteración neste tipo de condutas ilícitas”.

A titular do Xulgado de Instrución número 3 da Coruña indica no auto que os investigados “recoñeceron nas súas declaracións en sede xudicial que okupan de maneira ilexítima o inmoble e que saben que o propietario quere que marchen”, á vez que manifestaron “a súa negativa a abandonalo mentres non se lles xestione unha vivenda social”.