O TSXG condena o Sergas a pagar 15.000 euros a un médico por sobrecarga laboral

A Sala destaca que o demandante, antes da súa baixa laboral, puxera en coñecemento do Sergas a sobrecarga laboral que soportaba

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Sala do Social do TSXG condenou o Sergas a indemnizar con 15.000 euros a un pediatra dun centro de saúde de Ourense polos danos e perdas que sufriu debido á sobrecarga asistencial. “Non se evidencia que o Sergas fixese uso das medidas tendentes a paliar a sobrecarga asistencial que pesaba sobre o demandante”, indica o tribunal na sentenza, na que especifica que tivo unha cota en pediatría de 1.330 nenos e nenas en 2012; en 2013, de 1.366; e en 2014, de 1.387.

A Sala destaca que o demandante, antes da súa baixa laboral, puxera en coñecemento do Sergas a sobrecarga laboral que soportaba, “sen que se tomasen, naquel momento polo menos, medidas tendentes a paliar ou eliminar a irregular situación que podería, como así acaeceu, xerar risco para a saúde no ámbito laboral”, apunta o TSXG.

“O Sergas, entidade empregadora e debedora de seguridade do actor, adoptou unha actitude de pasividade e de caso omiso ás solicitudes do demandante, secundadas por outra profesional sanitaria que prestaba servizos na propia cota de pediatría de Ourense”, sinala o TSXG.