A Audiencia Provincial de Lugo condena a trece anos de cárcere aos pais que maltrataron ao seu bebé, causándolle “gravísimas” secuelas

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a trece anos de cárcere aos pais que maltrataron ao seu bebé, causándolle “gravísimas” secuelas. “Cando o neno berraba ou choraba, optaban por agredilo”, afirma a Sala. O tribunal, que os considerou autores dun delito de lesións e doutro de malos tratos habituais no ámbito familiar, tamén lles impuxo a inhabilitación para o exercicio da patria potestade, tutela, curatela, garda ou acollemento durante 15 anos, así como a prohibición de achegarse a menos de 500 metros do menor e de relacionarse con el por calquera medio durante doce anos. Os procesados tamén deberán abonarlle á vítima, a través da persoa ou entidade que teña asumida a súa tutela, 62.408 euros polo tempo de curación das súas lesións e 900.000 euros polas secuelas sufridas.

O tribunal entende probado que os acusados, desde que o menor tiña un mes e ata que case tiña tres meses, agrediron ao seu fillo “en reiteradas ocasións, propinándolle golpes e zarandeándoo cando se poñía a chorar”. Como consecuencia das agresións, o 16 de agosto de 2019 tivo que ser ingresado na UCI pediátrica do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo e, dada a súa gravidade, foi derivado ao hospital La Paz de Madrid.

Os maxistrados explican na sentenza que resulta imposible determinar o estado clínico definitivo do menor, debido a que pola súa curta idade non se produciu o total desenvolvemento da súa motricidade e capacidades cognitivas, pero salientan que “si se pode asegurar que mostrará unha perda total da visión do ollo esquerdo e alteración das funcións cerebrais superiores integradas, trastorno da linguaxe e epilepsia”. Ademais, indican que, “case con total seguridade, requirirá coidados de terceiras persoas en maior ou menor medida durante o resto da súa vida”.

As lesións relativas a área neurolóxica e visual que sofre o menor, segundo a Sala, poden considerarse “derivadas do mecanismo de zarandeo recorrente en varias ocasións diferenciadas no tempo”. As probas médicas realizadas e as declaracións dos facultativos, segundo a sentenza, descartan “calquera outro orixe non traumática das lesións múltiples, graves e diferenciadas no tempo”.

Os xuíces consideran probada a existencia dunha conduta dolosa, non imprudente, pois subliñan que os condenados “non soamente tiveron na súa mente a previsión do resultado, senón que tamén o aceptaron como probable, continuando coa súa acción”.

“Como os procesados non teñen ningún tipo de patoloxía que perturbe a súa percepción da realidade nin as súas posibilidades de coñecemento, resulta evidente que eran conscientes de que os golpes ou movementos bruscos e agresivos da cabeza podían dar lugar ás lesións de carácter neurolóxico ou de afectación aos membros orgánicos existentes no cranio no seu conxunto”, recalca a Sala, á vez que incide en que os acusados “coñecían os riscos potenciais da súa actuación e que, a pesar diso, desenvolveron a conduta lesiva para co seu fillo”.

Os condenados, segundo a sentenza, tampouco “atenderon debidamente as necesidades do menor, non o mantiveron nas condicións hixiénicas e sanitarias saudables nin cumpriron con algunhas das revisións pediátricas correspondentes ao seu crecemento”. Os xuíces afirman na resolución, contra a que cabe presentar recurso, que mantiñan o domicilio familiar “en condicións deplorables de falta de hixiene, con acumulación de lixo nas habitacións da vivenda”.

Os maxistrados consideran aos sospeitosos autores dun delito de lesións do artigo 149 do Código Penal e concretan a pena en dez anos de prisión, “dada a gravidade da conduta despregada e do resultado gravísimo padecido pola vítima, ademais da concorrencia da agravante de parentesco”. En canto ao delito de malos tratos no ámbito familiar, o tribunal explica que optou “pola concreción máxima de pena -tres anos de cárcere-, á vista da reiteración nas condutas agresivas, en contraposición co labor tuitivo que, por esencia, han de desenvolver os pais respecto dos seus fillos”.