A Audiencia condena a 32 anos e medio de cárcere un home que fixo tocamentos a doce menores na Coruña

Os xuíces considerárono autor de catorce delitos de abuso sexual, dous deles intentados, sobre menores de dezaseis anos

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a 32 anos e medio de cárcere un home por facer tocamentos a menores no interior dos portais das súas vivendas. Os xuíces considerárono autor de catorce delitos de abuso sexual, dous deles intentados, sobre menores de dezaseis anos. O tribunal indica na sentenza que o sospeitoso se desprazaba desde Santiago ata A Coruña, onde cometeu os feitos entre xuño de 2018 e xaneiro de 2019. O modus operandi, segundo a resolución, era sempre o mesmo: esperaba as súas vítimas, ás que seleccionaba ao azar, nas inmediacións dos centros escolares, seguíaas ata os seus domicilios e entraba con elas nos portais. Unha vez no interior, tocáballes nas pernas ou as nádegas e fuxía. 

A Audiencia, que tivo en conta á hora de establecer as condenas a atenuante de confesión, tamén lle impuxo oito anos de liberdade vixiada, así como a prohibición de comunicarse por calquera medio e de achegarse a menos de 500 metros de cada unha das vítimas, ao seu domicilio ou ao seu lugar de estudos ou de traballo durante sete anos. O condenado, ademais, foi inhabilitado para calquera profesión ou oficio que comporte contacto regular e directo con menores de idade durante sete anos. En concepto de responsabilidade civil, deberá pagar un total de 23.000 euros, que serán repartidos entre as vítimas.