O TSXG anula a instrución do Sergas que permitía renovar receitas aos farmacéuticos de atención primaria

A Sala salienta que a resolución do Sergas “non ía dirixida a paliar problemas temporais de accesibilidade asociados á pandemia da COVID-19 -como as anteriores-, senón que tiña vocación de permanencia

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu o recurso interposto polo Consello Galego de Colexios Médicos de Galicia, contra a resolución do xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de outubro de 2021 na que aprobou a instrución dirixida aos farmacéuticos de atención primaria para decidir continuar o tratamento crónico dos doentes. Polo tanto, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo anulouna e deixouna sen efecto. 

A Sala salienta que a resolución do Sergas “non ía dirixida a paliar problemas temporais de accesibilidade asociados á pandemia da COVID-19 -como as anteriores-, senón que tiña vocación de permanencia, ao referirse á situación que se presentaba ‘en determinadas épocas do ano debido á carencia de profesionais para a cobertura de ausencia’, así como á maior carga de traballo que aos facultativos lles supoñía contar con ‘unha sociedade envellecida, con maior cronicidade e pluripatoloxía’”. 

“Unha cousa é que se relaxe o procedemento para aprobar a instrución e outra é que esta estea orfa de calquera trámite precedente, pois non consta informe, estudo, memoria ou proposta algunha que avale a necesidade do seu contido”, destacan os xuíces, os cales recalcan que a instrución habilita aos farmacéuticos “para comprobar a necesidade ou non de dar continuidade, pero tamén a de revisar a prestación farmacéutica que só os médicos poden prescribir, aínda no caso de doentes que conten xa cunha medicación indicada para a súa enfermidade crónica”. Contra a resolución do TSXG cabe presentar recurso de casación.