O Xulgado rexeita o recurso de CC.OO. contra o auto que lle negou a paralización do servizo de axuda a domicilio de Ourense por falta de EPIS

A xuíza sinala que, tras examinar as alegacións, non hai elementos que permitan estimalas, polo que reproduce os fundamentos de dereito do auto recorrido

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Social número 3 de Ourense desestimou o recurso interposto por CC.OO. contra o auto ditado o 13 de abril no que rexeitou a paralización do servizo de axuda a domicilio de Ourense por falta de EPIS solicitada polo sindicato. A parte demandante esixía que se suspendesen as entregas mentres a concesionaria do servizo, o Concello, o Ministerio de Sanidade e a Xunta non fornecesen os EPIS establecidos polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) o 31 de marzo.

A xuíza sinala que, tras examinar as alegacións, non hai elementos que permitan estimalas, polo que reproduce os fundamentos de dereito do auto recorrido. Así, insiste en que as tres administracións (Concello, Xunta e Ministerio) carecen de “obriga legal ou convencional en materia de prevención de riscos laborais”, pois concirne exclusivamente á empresa. Ademais, destaca que cando ditou o primeiro auto xa se estaba dando material de protección ás traballadoras e a concesionaria informara de que recibiría máis.

“A empresa desde o primeiro momento elabora protocolos de actuación e, en canto ten material, repárteo, tal e como esixe a Lei de Prevención de Riscos Laborais. Todo iso nun marco de escaseza do devandito material e de prioridades na súa repartición”, salienta a xuíza, quen advirte que a obriga da adxudicataria é “velar pola saúde das súas traballadoras”. Por iso, asegura que debe seguir fornecendo material “na medida das súas posibilidades”, pois, pola contra, incorrería “nunha infracción moi grave constitutiva de sanción”.