Os xulgados exclusivos de preferentes resolveron máis de 4000 demandas desde a súa creación

Os reforzos que hoxe acaban a súa función foron creados en setembro de 2013 nas cidades da Coruña e Vigo para afrontar a entrada masiva de asuntos derivados da comercialización de produtos financeiros híbridos

Autor
Comunicación Poder Judicial

Os xulgados exclusivos de preferentes da comunidade resolveron desde a súa creación, en setembro de 2013, 4077 asuntos. Deles, 2256 corresponden a Vigo e 1821 ao xulgado de reforzo da Coruña. Desde a súa posta en funcionamento, o xulgado da cidade olívica recibiu 2294 asuntos principais, dos que quedan pendentes de celebrar xuízo 38, xa que a audiencia previa si foi celebrada en todos. Estes casos irán agora ao decanato para a súa repartición entre os xulgados de Primeira Instancia ordinarios. Desde o punto de vista estatístico considéranse resoltos 29 asuntos nos que xa se celebrou xuízo e que están á espera de sentenza. En relación ao xulgado da Coruña, recibíronse desde setembro de 2013 1909 asuntos, polo que quedan pendentes de resolución 88 que se enviarán a repartición. Non queda ningún xuízo celebrado pendente de sentenza.

A Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial acordou en agosto, tras examinar as propostas da Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, prorrogar ata hoxe as medidas de reforzo existentes nos xulgados de primeira instancia de Vigo e da Coruña. Estas medidas entraran en vigor tras a aprobación dun plan de actuación especial posto en marcha por Poder Xudicial e Xunta de Galicia para atender o incremento do nivel de entrada de asuntos como consecuencia da masiva presentación de demandas derivadas da comercialización de produtos financeiros híbridos (preferentes e subordinadas).

Desde a presidencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia faise un balance moi positivo do plan, posto que evitou o colapso dos xulgados ordinarios de Primeira Instancia e conseguiu dar resposta ás demandas de miles de cidadáns nun período de tempo razoable. Mención especial merecen tamén as xuízas, letrados da administración de Xustiza e funcionarios que neste tempo desempeñaron as súas funcións nos mencionados xulgados, quen co seu o seu traballo e dedicación lograron que a medida funcionase con éxito.