A Comisión Mixta propoñerá ao Ministerio de Xustiza a creación de sete novos órganos xudiciais en Galicia

Ademais dos novos xulgados, solicitarase a creación de dúas novas prazas de maxistrado/a en seccións penais de Audiencias Provinciais e unha nova praza de XAT. O Goberno aínda non comunicou o número de unidades xudiciais que prevé crear na comunidade este ano. Das unidades que a Sala de Goberno do TSXG considera necesarias para a comunidade, priorizáronse as que teñen maior carga de traballo, cuxa pendencia é máis elevada ou levan anos reforzadas

Autor
Comunicación Poder Judicial

A Comisión Mixta de Xustiza, presidida por José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior (TSXG), e polo vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acordou esta mañá solicitar ao Ministerio de Xustiza a creación de sete novas unidades xudiciais para Galicia en 2022, petición á que se engade a creación de dúas novas prazas de maxistrado/a en seccións penais de Audiencias Provinciais e unha praza de xuíz/a de adscrición territorial (XAT) para a provincia de Ourense. De forma consensuada, a Comisión Mixta demandará por esta orde ao Goberno, quen aínda non comunicou o número de unidades xudiciais que prevé crear na comunidade este ano, os seguintes novos xulgados e prazas: 

-Xulgado de Primeira Instancia en Lugo. 

-Unha praza de maxistrado/a na Sección Segunda da Audiencia Provincial da Coruña. 

-Unha praza de maxistrado/a na Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. 

-Xulgado de Primeira Instancia na Coruña. 

-Xulgado de Primeira Instancia en Vigo. 

-Xuíz/a de Adscrición Territorial na provincia de Ourense. 

-Xulgado do Social en Ferrol. 

-Xulgado Mixto en Ribeira. 

Xulgado Mixto en Vilagarcía. 

-Xulgado Mixto en Viveiro. 

Das unidades que a Sala de Goberno do TSXG considera necesarias para a comunidade, priorizáronse as que teñen maior carga de traballo estrutural, é dicir, non motivada por unha situación conxuntural que pode ser solucionada a través de reforzos temporais, e cuxa pendencia é máis elevada. Tamén se tivo en conta, no caso de órganos colexiados, o feito de que algunhas seccións leven reforzadas desde hai anos ou que só conten con tres maxistrados por sección, o que dificulta o seu normal funcionamento.