O TSXG anula a declaración de utilidade pública que facilitaba expropiar montes comunais a favor dunha louseira en Valdeorras (Ourense)

A resolución conta con dous votos particulares de dúas maxistradas, as cales entenden que non procede o acollemento do recurso

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolleu o recurso interposto pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portela e Trigal contra a resolución da Xunta de Galicia que declarou a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa, no que se inclúe Pizarras Samaca, situados en Trigal, termo municipal de Carballeda de Valdeorras (Ourense). En consecuencia, o alto tribunal galego anulou o acordo, o precedente expreso do que trouxo a súa causa e as actuacións posteriores.   

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo explica que a normativa non permite que o órgano gobernativo declare a utilidade pública ou interese social de algo “que xa se vén realizando desde hai anos nun espazo, coa finalidade de que se transforme un contrato de arrendamento por un título de propiedade, que é o que aquí sucedeu cando se frustrou a posibilidade de manter aqueles contratos polas codemandadas”. Pola contra, segundo indica o TSXG na sentenza, o que o lexislador habilita é “a posibilidade de que determinados establecementos xa autorizados para o seu futuro destino á preparación, concentración ou beneficio de recursos mineiros, se poidan emprazar en terreos dos que poderá beneficiarse a titular da concesión ou autorización mineira, para a súa posterior adquisición mediante expropiación, tras o cal se afectarán á finalidade que a normativa mineira impón”. 

Os maxistrados salientan que “non obrou así o superior órgano colexiado autonómico, que puxo de relevo os altos intereses que para as empresas e os seus traballadores e familias tiñan os `establecementos de beneficio´, con esquecemento de que non existía autorización previa que declarase tal condición, senón o lexítimo uso dunha superficie arrendada desde facía unhas catro décadas, na  que se aloxaban almacéns, talleres, comedores, vestiarios e oficinas, e de aí que aquel órgano carecese de amparo legal para declarar a utilidade pública ou interese social para uns establecementos que xa utilizaba a sociedade mercantil Industrial de Rocas Ornamentales, como complemento ou auxilio das concesións mineiras de que xa era titular, e menos aínda para os de Pizarras Samaca, que ningunha concesión dese tipo tiña”. 

O TSXG recorda na resolución que, en outubro de 2020, o representante das  sociedades mercantís Industrial de Rocas Ornamentales  e Pizarras Samaca, ata entón arrendatarias dunha superficie aproximada de 140.000 metros cadrados -17.500 construídos- da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Portela e Trigal, onde contaban con instalacións afectas a seis concesións mineiras das que era titular a primeira das empresas, así como outras arrendadas pola segunda para comercializar produtos daquela, solicitou á xefatura territorial da Consellería de Economía, Empresa e Innovación en Ourense a declaración de utilidade pública para o conxunto desas instalacións, en razón a que a titular deses terreos se negou a renovar os contratos para esixir unha nova renda abusiva. Tramitado o procedemento coa incorporación de diversos informes e das alegacións das interesadas, o Consello da Xunta acordou en outubro de 2021 acceder a declarar a utilidade pública e o interese social para os establecementos de beneficio do grupo Irosa. Esa resolución da Xunta foi anulada polo TSXG. Contra a sentenza cabe presentar recurso de casación. 

A resolución conta con dous votos particulares de dúas maxistradas, as cales entenden que non procede o acollemento do recurso. Unha delas considera que, neste caso, “o decisivo é que a lei da minería posibilita acollerse aos beneficios da expropiación forzosa previa declaración de utilidade pública ou interese social”, mentres que a outra maxistrada sinala que os terreos expropiados onde van os establecementos de Irosa e Samaca, son “de beneficio”, polo que afirma que “poden perfectamente ser expropiados”.