Breve descrición do acceso ao poder xudicial

O acceso á Carreira Xudicial en España está regulado nos artigos 301 e seguintes da Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial e baséase nos principios de mérito e capacidade para o exercicio da función xurisdicional. O proceso de selección garante, con obxectividade e transparencia, a igualdade no acceso a todos os cidadáns e cidadás que reúnan as condicións e aptitudes necesarias, así como a idoneidade e suficiencia profesional para o exercicio da función xurisdicional.

O acceso pode ter lugar por calquera das tres categorías que integran a Carreira Xudicial, a saber:

  • Maxistrado ou Maxistrada do Tribunal Supremo
  • Maxistrado ou Maxistrada
  • Xuíz ou Xuíza

O ingreso na Carreira Xudicial pola categoría de Xuíz ou Xuíza prodúcese mediante a superación dunha oposición libre e dun curso teórico e práctico de selección realizado na Escola Xudicial. A convocatoria da oposición, que debe ter lugar polo menos cada dous anos, vén na práctica realizándose de forma anual dende o ano 1998. Dende 2001, realízase conxuntamente coa de ingreso na Carreira Fiscal, de xeito que as persoas aprobadas optan, segundo a puntuación obtida e as prazas convocadas, polo ingreso na Escola Xudicial ou no Centro de Estudios Xurídicos do Ministerio de Xustiza.

Os requisitos para concorrer á oposición libre son:

  • Ter a nacionalidade española
  • Ser maior de idade
  • Ter a licenciatura en Dereito
  • Non estar incurso en causa de incapacidade por:
    • impedimentos físicos ou psíquicos para o exercicio da función xudicial,
    • ter sido obxecto de condena por delito doloso, mentres non se obteña a rehabilitación,
    • ter sido obxecto de procesamento ou inculpación por delito doloso en tanto non se obteña a absolución ou se dite auto de sobresemento,
    • non atoparse no pleno exercicio dos dereitos civís.

O órgano convocante é a Comisión de Selección, composta por:

  • un ou unha vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial e un ou unha Fiscal de Sala, que a presidirán anualmente con carácter alternativo,
  • un maxistrado ou unha maxistrada,
  • un fiscal ou unha fiscal,
  • o Director ou a Directora da Escola Xudicial,
  • o Director ou a Directora do Centro de Estudios Xurídicos da Administración de Xustiza, e
  • un ou unha membro dos órganos técnicos do Consello Xeral do Poder Xudicial, así como un funcionario ou unha funcionaria do Ministerio de Xustiza con nivel mínimo de Subdirector ou Subdirectora xeral, que teñan a licenciatura en Dereito, e que desempeñarán alternativamente as funcións de secretaría da Comisión.

O Tribunal que avaliará as probas de ingreso nas Carreiras Xudicial e Fiscal terá a seguinte composición:

  • un Maxistrado ou Maxistrada do Tribunal Supremo ou dun Tribunal Superior de Xustiza ou ben un ou unha Fiscal de Sala ou do Tribunal Supremo ou dunha Fiscalía de Tribunal Superior de Xustiza, que presidirán o Tribunal,
  • dous maxistrados ou maxistradas,
  • dous fiscais
  • un catedrático ou unha catedrática de universidade de disciplina xurídica,
  • un avogado ou unha avogada do Estado,
  • un avogado ou unha avogada con máis de dez anos de exercicio profesional,
  • un secretario ou unha secretaria xudicial da categoría primeira, que actuarán como vogal-secretario ou vogal-secretaria.

O esquema de ingreso, que ten unha duración total aproximada de tres anos, é o seguinte:

  1. Superación dunha primeira fase de oposición libre, que composta por tres exercicios:
    • Primeiro exercicio (primeiro semestre do ano): consistente na superación dun test con 100 preguntas sobre dereito constitucional, dereito civil, dereito penal e dereito procesual. Dúas horas e corenta e cinco minutos de duración.
    • Segundo exercicio (abril a xullo aprox.): exposición oral de 5 temas en 60 minutos (un sobre dereito constitucional, dous sobre civil e dous sobre penal)..
    • Terceiro exercicio (último semestre do ano): exposición oral de 5 temas en 60 minutos (dous sobre dereito procesual civil, un sobre dereito procesual penal, un sobre dereito mercantil e un sobre dereito administrativo ou laboral).
  2. Superación dunha segunda fase na Escola Xudicial, que se compón de tres períodos:
    • Primeiro período (de xaneiro a principios de decembro aprox.): superación dun curso teórico-práctico na Escola Xudicial en Barcelona.
    • Segundo período (de mediados de decembro a xuño aprox.): fase de prácticas, realizando funcións de auxilio e colaboración cos titulares dos órganos xudiciais en que desenvolvan as prácticas, que desempeñarán unha función tutelar.
    • Terceiro período (de xullo a novembro aprox.): fase de substitución e reforzo en órganos xudiciais con idéntica amplitude que os titulares do órgano xudicial.