A Audiencia da Coruña condena a 12 anos de cárcere un acusado de atracar unha gasolineira e disparar a un empregado

Os xuíces absolveron ao outro acusado porque aseguran que non quedou probada a súa participación nos feitos

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, condenou a doce anos e dous meses de cárcere un dos dous sospeitosos de atracar unha gasolineira situada na AC-550 en xaneiro de 2019. Os xuíces absolveron ao outro acusado porque aseguran que non quedou probada a súa participación nos feitos.

O tribunal considera acreditado que o condenado disparou nunha perna ao empregado da estación de servizo á que se desprazou nunha motocicleta que subtraeu previamente dunha vivenda. Á vítima do disparo, que tiña 22 anos, quedáronlle graves secuelas, polas que o procesado deberá pagar unha indemnización de 82.000 euros. Os maxistrados considerárono culpable dun delito de roubo con forza en casa habitada e doutro de roubo con violencia, coa agravante de disfrace, así como dun delito de lesións con deformidade, coa agravante de aleivosía, e doutro de tenencia ilícita de armas, coa concorrencia da atenuante de drogadicción.

“O uso da arma de lume por parte do acusado de forma sorpresiva cando a vítima se achaba enfronte del, sen posibilidade de defensa é, sen dúbida, un ataque aleivoso, non só polo inesperado e imprevisible da agresión, senón tamén pola propia forma de executala, eliminando todo risco de reacción defensiva por parte da vítima”, salienta a Audiencia na sentenza.