O Xulgado do Mercantil nº 1 da Coruña declara nula unha cláusula relativa ao desbloqueo de terminais

Ademais, condénase a Vodafone a devolver as cantidades cobradas, incluídos os impostos

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Mercantil nº 1 da Coruña ven de estimar a demanda interposta polo Ministerio fiscal, Adicae e diferentes particulares contra Vodafone e declara nula por abusiva unha cláusula relativa ao desbloqueo de terminais.

O xuíz considera nula a condición xeral concretada no punto 8 dos contratos, no que prevé o cobro dunha cantidade ao cliente por liberalizar os terminais móbiles. “En definitiva -indícase no fallo- unha vez finalizado o período de permanencia, ou con anterioridade, se se abonou a cláusula penal ou se están cumprindo as obrigas derivadas do contrato, o cliente debe ter a posibilidade de utilizar libremente o terminal”. A sentenza explica tamén que o fallo ten que aplicarse a todos os clientes que celebrasen ou vaian celebrar contratos nos que a demandada preste servizos de telefonía móbil, aínda que non fosen parte no proceso. Ademais, condénase a Vodafone a devolver as cantidades cobradas, incluídos os impostos.

O xuíz acorda así mesmo que se imporá unha multa coercitiva a Vodafone de cinco mil euros por cada día que transcorra, a partir dos dous meses seguintes á data da firmeza da sentenza, no caso de que a empresa non cesase no uso das condicións xerais declaradas nulas.