O Xulgado anula de novo unha multa imposta por pasear por Vigo durante o confinamento

O maxistrado indica que “non se lle pode imputar unha infracción administrativa grave de desobediencia á autoridade ou aos seus axentes polo xenérico incumprimento do ordenamento xurídico cando non existiu un requirimento expreso previo, persoal e directo”

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo anulou de novo unha multa de 601 euros imposta pola Subdelegación do Goberno de Pontevedra por saltarse o confinamento derivado do estado de alarma. Neste caso, a persoa sancionada foi unha muller que paseaba por un parque de Vigo ás tres da tarde do pasado 22 de marzo. O maxistrado indica na sentenza que a sanción é “contraria ao ordenamento xurídico”, polo que decreta a súa anulación e a deixa sen efecto. Ademais, condena á Administración demandada á devolución do importe da multa bonificada (300,50 euros) abonado pola muller. O xuíz entende que é necesario “un requirimento expreso dos axentes da autoridade, que resulte desatendido, para apreciar a concorrencia da infracción de desobediencia”.

O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo asegura na resolución que a un particular “non se lle pode imputar unha infracción administrativa grave de desobediencia á autoridade ou aos seus axentes polo xenérico incumprimento do ordenamento xurídico cando non existiu un requirimento expreso previo, persoal e directo”. Así, resalta que á muller “ningún axente nin autoridade lle dirixiu unha orde que se negase a acatar”. O maxistrado asegura que “o mero incumprimento das limitacións ou restricións impostas durante o estado de alarma non pode ser cualificado automaticamente como infracción de desobediencia”, que só concorrerá cando, “incumprindo o particular as limitacións do estado de alarma, sexa requirido para o seu cumprimento por un axente da autoridade e desatenda devandito requirimento”.