A Audiencia de Ourense condena a catro anos de cárcere o exdirector dunha sucursal bancaria por apropiarse de fondos de clientes

En concepto de responsabilidade civil debe aboar á entidade bancaria 1.494.249 euros, mentres que a un dos prexudicados terá que pagarlle 31.000 euros

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense condenou a catro anos de cárcere o que entre 1998 e 2015 foi director dunha sucursal bancaria da localidade de Entrimo por apropiarse de fondos de clientes. O tribunal considérao autor dun delito continuado de falsidade en documento mercantil en concurso cun delito continuado de apropiación indebida. Ademais, en concepto de responsabilidade civil debe aboar á entidade bancaria 1.494.249 euros, mentres que a un dos prexudicados terá que pagarlle 31.000 euros. O tribunal considera probado que o sospeitoso realizou disposicións indebidas de fondos depositados en contas dos clientes “sen o consentimento nin a autorización destes”.

A Audiencia asegura que se apoderou de cantidades entregadas en efectivo polos clientes e que realizou pagos de extratipos polos fondos depositados polos clientes á marxe dos contabilizados pola entidade bancaria. “O acusado entregáballes como soporte documental do seu investimento ou depósitos cartillas orixinais da entidade bancaria nas que realizaba, valéndose dunha máquina de escribir, diferentes apuntamentos contables do investimento inicial e o posterior aboamento de xuros”, relata o tribunal. Estes cadernos, segundo a sentenza, “reflectían contabilizacións que non coincidían coa contabilidade do banco”. O tribunal indica que o acusado tamén expediu “documentos selados xustificativos da comercialización de produtos de investimento ou de ingresos bancarios efectuados por clientes que non se correspondían coa realidade das situacións rexistradas na entidade bancaria”.