A Audiencia de Pontevedra confirma a condena a unha nai por calumniar a unha profesora do seu fillo nun grupo de WhatsApp

Na sentenza establecíase que a acusada realizou unha "falsa imputación duns feitos delituosos con intención de difamar e de atacar a dignidade persoal e profesional"

Autor
Comunicación Poder Judicial

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, desestimou o recurso de apelación interposto por unha nai da cidade que foi condenada a pagar unha multa de 630 euros por calumniar á profesora do seu fillo nun grupo de WhatsApp.

A defensa da acusada recorreu a resolución xudicial alegando que se producira un erro na apreciación da proba, pero a sala entendeu que non houbo tal erro e, ademais, fai seus os argumentos do Xulgado do Penal número 3 de Vigo, que ditou a sentenza, e sinala que "concorren todos os requisitos do delito" polo que a nai foi condenada.

Na sentenza condenatoria establecíase que a acusada realizou unha "falsa imputación duns feitos delituosos con intención de difamar e de atacar a dignidade persoal e profesional" da profesora do seu fillo. Así, a muller difundiu nun grupo de WhatsApp de pais de alumnos que a docente se dedicaba a " zarandear de malas formas" ao neno, "tirarlle do brazo", e mesmo que se comía a súa merenda, sen que houbese probas desas actuacións.