O xulgado dita a apertura de xuízo oral no caso da explosión de Paramos

Fixa unha fianza de máis de once millóns de euros. O xuízo celebrarase nun dos xulgados do Penal de Pontevedra

Autor
Comunicación Poder Judicial

O Xulgado de Instrución número 1 de Tui ditou o auto de apertura de xuízo oral no caso derivado da explosión na parroquia de Paramos en 2018. O propietario da empresa pirotécnica La Gallega será xulgado como presunto autor de dous delitos de homicidio imprudente, delitos de lesións imprudentes, risco catastrófico na súa modalidade de delitos de risco provocados por explosivos e outros axentes (na súa modalidade de tenza ilícita), un delito imprudente de estragos, así como delitos de danos imprudentes.

No caso da Fiscalía, solicita que sexa condenado a catorce anos de prisión, ademais de inhabilitación para o exercicio de profesión relacionada coa fabricación e manipulación de artefactos pirotécnicos durante o tempo da condena, o pago dunha multa e diversas indemnizacións. O Ministerio Público identifica no seu escrito danos en 430 vivendas e 76 en vehículos, ademais dos sufridos nos servizos públicos (rede de abastecemento, saneamento, iluminación pública, electricidade, telefonía, viarias e mobiliario urbano). Polos menoscabos físicos sufridos como consecuencia da explosión solicita que se abonen diferentes cantidades a 36 persoas, ademais da correspondente indemnización para os fillos da parella falecida, que solicitan para o acusado unha pena de 17 anos e tres meses de prisión. 

A maxistrada tamén acorda nesta resolución que o investigado, a súa aseguradora e a entidade pirotecnia La Gallega presten unha fianza conxunta e solidaria por un importe de once millóns de euros (exactamente 11.260.900 de euros), que deberán ingresar no prazo de 10 días, baixo apercibindo de embargo. O órgano competente para o axuizamento e fallo da causa será un dos xulgados do Penal de Pontevedra. 

Tras un intenso traballo na fase de instrución, a causa péchase no Xulgado número 1 de Tui formada por 147 tomos, 37.208 folios e 508 pezas de responsabilidade civil.